A economía galega crecerá 6,8% en 2021, segundo BBVA Research

A división de estudos do BBVA sitúa Galiza como o terceiro territorio no que máis vai crecer o PIB en 2021.
A ocupación hoteleira mellorou en abril (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera O turismo favorece a mellora da economía galega (Foto: Xoán Roberes).

O produto interior bruto (PIB) da Galiza crecerá 6,8% en 2021, segundo a análise que publicou recentemente BBVA Research baixo o título 'A recuperación do consumo marca as diferenzas no crecemento rexional'.

No escenario actual, apunta o estudo, Balears (+8,3%) e Canarias (+6,9%) sitúanse á cabeza do crecemento en 2021, o que "en parte é reflexo da maior caída que sostiveron o ano pasado e dáse a pesar da súa maior dependencia do turismo exterior".

En troques, o consumo doméstico acelera a economía dalgúns territorios, como é o caso de Andalucía e País Valenciá (+6,7%), e Catalunya e Murcia (+6,6%), que "crecerán máis que o conxunto de España, xa que, ademais, vense favorecidas polo auxe do turismo estatal".

Tamén o farán Cantabria e Galiza (+6,8%) e Aragón (+6,6%). "O maior gasto asociado ao turismo estatal prodúcese en detrimento dos puntos de orixe destes turistas, como Madrid (+6,3%), ou o sur de Catalunya, que se viron beneficiados en trimestres anteriores polo consumo cativo", indica o informe da división de estudos de BBVA.

A este respecto, a entidade financeira sinala que os datos das operacións con tarxeta que realiza a clientela de BBVA fóra da súa residencia superou o nivel de 2019, tanto no segundo trimestre como en xullo en todos os territorios do Estado español, coa única excepción de Madrid, que ve como o turismo de negocios e urbano aínda non se recupera.

Nivel previo á crise

Doutra banda, a análise de BBVA Research indica que a forte recuperación do investimento observado en 2021 (que se apoia, en parte, nas axudas ao financiamento que recibiron as empresas pola pandemia) apunta un posíbel adianto de operacións de compra de bens de equipo respecto do que se esperaba hai uns meses.

Como consecuencia deste comportamento, espérase que o investimento sexa "algo menos dinámico" en 2022. Territorios como Castela e León (+6,1%) ou Aragón, e a propia Galiza (+6,2%), ven reducidas así levemente as súas expectativas de crecemento, indica a división de estudos do BBVA. No entanto, "iso non impediría que alcancen o nivel de produción precrisis antes de acabar o ano", engade.

Comentarios