Dous anos de cadea para Gayoso e Pego polas indemnizacións das caixas

O tribunal  tamén condena ao avogado Ricardo Pradas como cooperador necesario e absolve Javier García de Paredes, ex-director xeral adxunto de Nova Caixa Galicia. 

Julio Fernández Gayoso na comisión de investigación das caixas
photo_camera Julio Fernández Gayoso na comisión de investigación das caixas

A Audiencia Nacional española ditou sentencia a respeito do caso das millonarias indemnizacións apañadas polos ex-directivos das caixas galegas no proceso de fusión. 

Segundo avanza o xornal, La Voz de Galicia e Europa Press, o tribunal condena a dous anos de cadea a Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego, Oscar Rodríguez Estrada e Gregorio Gorriarán. Aliás, tamén ao avogado Ricardo Pradas como cooperador necesario polo cobro indebido de prexubilacións no marco do proceso de fusión das extintas caixas galegas, Caixa Galicia e Caixa Nova. 

Pola súa banda, a Audiencia Nacional española absolve ao daquela director xeral adxunto da entidade resultante, Nova Caixa Galicia, Javier García Paredes. 

Segundo a sentencia, son condenados por un delito de administración desleal xunto cun de apropiación indebida na súa modalidade de xestión desleal. 

Os ex-directivos poderían evitar a súa entrada en prisión pois de recorreren a condena ao non chegar esta a 5 anos de privación de liberdade. 

Na sentencia, a Audiencia Nacional española sinala que "no fondo" foi o FROB quen "abonou integramente" a contía dos "novos contratos de alta dirección", o que ascendeu a "máis de 24 millóns de euros". O FROB é un organismo público que posibilitou a subsistencia de Nova Caixa Galicia grazas ao diñeiro público que lle foi inxectado. 

Así mesmo, impón unha sanción económica pola que deberán pagar durante 10 meses de 250 euros ao día e a inhabilitación especial durante o tempo que dure a condena para o cargo que tiñan durante a perpetración dos delitos. 

Condena simbólica

Para o sindicato CIG, a sentenza da Audiencia Nacional sobre as indemnizacións cobradas polos ex directivos das Caixas cabe ser cualificada de positiva polo que ten de simbólico. "Os directivos pode que non cheguen a entrar en prisión, a devolución das indemnizacións percibidas será parcial,  deixa fora á cúpula de Caixa Galicia e non resiste comparación con outras condenas (por exemplo a sindicalistas)"

Comentarios