A facturación polas vendas de eucalipto descendeu 22% desde o ano 2018

O eucalipto, introducido na Galiza en 1846, ocupa xa case o 14% do territorio galego e o 28% da superficie arborada, consolidándose como o eixo do modelo forestal impulsado pola Xunta. Porén, o seu peso económico amosa síntomas de esgotamento.

Eucalipto laminado, materia prima, chega en tren á unidade industrial de Altri en Figueira da Foz (distrito de Coimbra, Portugal). (Foto: Altri)
Eucalipto laminado, materia prima, chega en tren á unidade industrial de Altri en Figueira da Foz (distrito de Coimbra, Portugal). (Foto: Altri)

O eucalipto chegou á Galiza en 1846.  Século e medio despois, esta especie ocupa, segundo o Inventario Forestal Continuo, 13,9% do total do territorio galego e 28% da superficie arborada. O eucalipto volta a estar de actualidade: ao debate sobre a moratoria —que se estende até 2023 e permitirá substituír piñeiros por eucaliptos en máis de 15.000 hectáreas—, os incendios, a folga de transportistas de madeira a Ence ou o importante impacto económico que está a ter en celulosas como Ence e as portuguesas Altri e Navigator a caída de prezos da pasta de papel; súmase agora a baixada dos prezos do eucalipto nestes meses, en torno a 2-3 euros menos por tonelada. 

Prolóngase así a situación dun 2024 no que a facturación pola venda de madeira de eucalipto dos montes galegos (167,2 millóns) foi a máis baixa desde o ano 2020. E fica lonxe dos 204,9 millóns de euros que a venda de eucalipto supuxo en 2018 —primeiro ano do anuario de estatística forestal de Medio Rural—. Neste tempo, entre 2018 e 2024, a facturación do eucalipto caeu en case 23%.  Os case 80.000 propietarios e propietarias que hai na Galiza perderon 37 millóns entre un ano e outro polo baixo prezo desa madeira. Unha baixada que leva a preguntar se o eucalipto implica esa rendibilidade que fixo que os gobernos galegos pivotasen o deseño forestal da Galiza en torno a el. 

"A baixada destes meses é un pequeno torpedo na liña da rendibilidade" dos propietarios e das propietarias de eucalipto, afirma a Nós Diario Manuel Galdo, presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro (Promavi), unha das máis importantes do norte da Galiza, unha área con forte negocio do eucalipto. En 2024 na comarca cortáronse 747.409 metros cúbicos desta especie, por un valor de máis de 23 millóns de euros. Galdo explica que os prezos do eucalipto tradicionalmente cumpren aquilo de "dentes de serra, após un ano malo vén un bo" mais, recoñece, "eu vexo o sector máis pesimista que outras veces".

Os prezos

Ramom Reimunde leva 50 anos producindo e vendendo eucalipto, a razón de 1.000 toneladas por ano. Foi directivo das  agrupacións Produtores da Madeira da Galiza (Promagal) e Produtores da Madeira de Foz (Promafoz). O que se paga polo eucalipto, apunta a Nós Diario,  depende de factores que van desde "a calidade da madeira" até que onde estea o eucalipto sexa "unha localización con fácil corta e saca". 

"O único que nos interesa aos produtores de eucalipto é o prezo xusto que deben pagar por el para que sexa rendíbel isto da silvicultura e non un pasatempo ou tomadura de pelo. Se escasea, aquí e en Portugal, terán que pagar máis pola materia prima coa que obteñen tanto beneficio". 

Galdo é partido de que se tenda cara a unha maior diversificación do monte. "Galiza ten que diversificar, Galiza non pode ser un eucaliptal", apunta, e sinala que durante moitos anos no rural apostouse polo eucalipto porque era unha rendibilidade máis inmediata e que "se ben non é tremenda, as outras [especies] dan menos".

A rendibilidade do eucalipto que procuran manter certos sectores é mesmo a través da expansión á marxe da norma. Desde o exercicio 2021, cando entrou en vigor a moratoria para a plantación desta especie, e até o feche de 2024, a Xunta da Galiza tivo constancia de 1.115 plantacións ilegais que foron obxecto de sanción, segundo datos de Medio Rural fornecidos a Nós Diario. Nos nove primeiros meses de 2025 a cifra de sancións por este motivo superaba as 230. 

A entrada en vigor en febreiro de 2018 da norma que impide a plantación de eucaliptos en Portugal até 2030 levou as empresas pasteiras lusas a buscar novos territorios onde poder esta materia prima. Xa coñecían Galiza, onde levaban tempo mercando eucalipto mais foi desde 2018 cando optaron por unha presenza máis activa ao norte do río Miño. A principal pasteira portuguesa, The Navigator Company, xestionaba ao feche  de 2024 na Galiza un total de 1.111 hectáreas (ha). Esta cifra é superior á superficie que posuía na Galiza o exercicio anterior, 2023, e que era de 955 hectáreas. Aumentou as plantacións en 16% en apenas un ano. En 2022 as plantacións desta industria en territorio galego ocupaban 601 ha, polo que desde aquela até hoxe duplicouse a superficie de eucalipto que xestiona esta celulosa na Galiza.

Ademais, entre xaneiro e outubro —último mes con cifras— de 2024 desde a Galiza exportouse ao país veciño un total de 673.779 toneladas de eucalipto. Isto é unha media de ao rtedor de 67.000 t ao mes. 

Nese mesmo período enviáronse con destino a Islandia máis de 53.000 t, máis das que se enviaron en todo 2023, cando non chegaron a 32.000 toneladas.

O persoal de Ence decide convocar 12 días de folga

O pasado 24 de outubro os transportistas de Ence acordaron paralizar o subministro de madeira de forma indefinida á celulosa de Pontevedra. Unha decisión que manteñen, dúas semanas despois, e na que fontes do sector aseguran que participan máis de 300 camións que transportan madeira ás factorías da pasteira en Navia (Asturias) e Pontevedra. A medida adoptouse como consecuencia da decisión de Ence de impor unha redución unilateral de tarifas "sen ter aberto un proceso de negociación previo", apuntaban fontes dos transportistas.

Non é esta a única fronte aberta que ten Ence. Traballadores e traballadoras da planta de Lourizán reuníronse onte en asemblea para debater e decidir se aplicar un calendario de paros e mobilizacións contra a pretensión da Dirección de despedir perto de 20% do seu persoal na celulosa de Pontevedra. En principio está previsto que hoxe o comité proceda a informar publicamente da decisión adoptada en asemblea. Actualmente a pasteira emprega de forma directa nas súas diversas divisións ao redor de 270 persoas, cunha idade media próxima aos 45 anos. Os despedimentos afectarían sobre 40 empregados e empregadas.

Comentarios