Pequenos propietarios forestais acusan a Xunta de "lexislar parche sobre parche"
Máis de 200 pequenos propietarios forestais do interior da provincia de Lugo veñen de constituír unha nova asociación para defender os seus "intereses”, explica a Nós Diario un dos promotores da iniciativa, Raúl García, natural da Fonsagrada. Asegura que Galiza “pode compatibilizar usos agrarios e forestais”, pero pide “ordenación” e que se aplique a actual Lei de montes e non “lexislar parche sobre parche”. Sobre a nova 'moratoria' do eucalipto aprobada pola Xunta até o ano 2030, que na práctica abre a porta a miles de hectáreas de novas plantacións, advirte que non lles "convence".
A pasada semana máis dun cento de pequenos propietarios forestais reuníronse en Castroverde (comarca de Lugo) para artellar unha nova asociación coa que “poder estar representados e correctamente defendidos”, di Raúl García. Asegura que esta nova asociación “nace porque os intereses dos produtores forestais do interior de Lugo non coinciden cos doutras comarcas”.
Logo deste primeiro encontro en Castroverde, García augura que superarán "os 200 asociados”. Están en proceso de dotaren dunha figura xurídica esta asociación e de elixiren unha Executiva. Os pequenos propietarios desta zona, sinala, “non é que vivamos do monte, mais sempre foi unha fonte de recursos complementaria cando había que comprar un coche ou cambiar as fiestras da casa”. No seu caso particular, afirma ser "un propietario forestal preocupado” e di que “queremos que unha parcela de 1 ou 2 hectáreas" poida constituír "un complemento” económico.
"O que precisamos é ordenación"
Desde a súa perspectiva, “Galiza ten espazo para todo, para todas as especies e para compatibilizar o uso agrícola co forestal, pero precisamos ordenación”. García lembra que, de acordo coas cifras máis recentes do sector, “Galiza produce a metade da madeira do Estado español, e a metade da galega prodúcese en Lugo”. Afirma que “o único que precisamos é ordenación e permitirnos producir, non limitar a produción de especies”, polo que demanda tamén “políticas á altura” cando aparecen pragas e enfermidades.
No ano 2021 a Xunta da Galiza aprobou a moratoria para novas plantacións de eucalipto vixente até o vindeiro 31 de decembro. A moratoria publicouse na disposición transitoria novena da Lei de recuperación da terra agraria, e os pequenos propietarios critican que esta medida “non emana da Lei de montes da Galiza”, que defenden que “é a lexislación que corresponde ao monte galego”.
Consideran a vixente moratoria “algo transitorio que se nos dixo que se ía dar mentres non se facía o Inventario Forestal”, e logo de anunciar a Xunta unha “prórroga flexíbel” até 2030 alertan de que “o transitorio non se pode converter en permanente”, e defenden que “debería reformarse a Lei de montes e modificar o artigo 81 ou os que consideren, pero os 'parches sobre parches' non son unha forma de lexislar”.
Na Lei de acompañamento dos Orzamentos da Xunta para 2026 estabelécese unha nova 'moratoria' até 2030 con dúas excepcións que non convencen a estes pequenos produtores. “Un propietario da nosa zona ten, de media, parcelas de entre 0,6 e 1,6 hectáreas”, apunta Raúl García, quen pon como exemplo unha parcela de 0,6 hectáreas coa metade dos piñeiros afectados pola praga da banda marrón e cuestiona "quen vai pór eucalipto en 3.000 metros cadrados e que pos nos outros 3.000 [aludindo á excepción da 'moratoria' que permite plantar 50% de eucaliptos en piñeirais enfermos]”. Advirte García de que o efecto desta prórroga será "que a vas deixar abandonada, porque non ten sentido ese tipo de minifundismo sobre o minifundismo”.
A praga da banda marrón
No Congreso 'Piñeiro 25' organizado pola Fundación Arume a pasada semana en Compostela, expúxose o mapa da chegada da banda marrón á Galiza no ano 2021. Explica Raúl García, presente neste evento, que esta praga “chegou desde Euskadi e Asturias” e en 2021 “a zona de entrada á Galiza foi A Fonsagrada e Negueira de Muñiz”. Estes concellos da comarca da Fonsagrada “foron a 'zona cero', onde máis afectación houbo de banda marrón”, e a partir de aí “estendeuse como unha mancha de aceite, e o interior de Lugo é a zona con máis afectación”.

