A hostalaría galega crea unha asociación máis "ampla e plural" do sector

"Actualmente, impera un sistema de organizacións cun marcado carácter presidencialista, onde a participación por parte das empresas asociadas é escasa ou nula en moitas ocasións", denunciaron na presentación da Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega, que reclama estruturas onde vilas e comarcas teñan un maior peso.
Rolda de prensa de presentación da Plataforma en defensa da hostalaría galega.
photo_camera Rolda de prensa de presentación da Plataforma en defensa da hostalaría galega. (Foto: Asociación Hostaleira de Compostela)

Na tarde de onte presentouse en Compostela a Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega, que aglutina integrantes de toda a Galiza. Trátase dunha agrupación promovida polas asociacións Hostalaría Compostela, HOEMPO (Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín) e ShOStalaría da Coruña.

A iniciativa xorde coa vontade de converterse nun instrumento áxil e eficaz para xestionar o actual momento de crise do sector, mais decláranse abertos á suma de empresas doutros eudos ligados aos intereses da hostalaría, como produtoras, provedoras ou distribuidoras.

Esta organización servirá de base para a creación dunha Federación de Hostalaría Galega, que aglutine a empresas con actividades económicas que prestan servizos vencellados ao aloxamento e ao servizo de comidas e bebidas. O seu obxectivo é a defensa e coordinación dos intereses comúns do campo, en calquera nivel onde estean presentes, mesmo no estatal ou no internacional.

Contra a fragmentación

Os representantes da Plataforma explicaron en rolda de prensa que a crise provocada pola pandemia deixou en evidencia "a fragmentación e debilidade organizativa do sector". "Actualmente, impera un sistema de organizacións cun marcado carácter presidencialista, onde a participación por parte das empresas asociadas é escasa ou nula en moitas ocasións", denunciaron.

Así mesmo, fixeron fincapé en que as estruturas organizativas operan nas principais cidades, "carecendo delas nunha inmensa parte de vilas que ben puideran aglutinar o conxunto do sector na súa comarca".

Esta necesidade de organización colectiva a nivel galego vólvese máis urxente á luz das actuais circunstancias, co sector ao límite da súa capacidade. Na xornada de hoxe, unha manifestación na capital galega reivindica precisamente "salvar o emprego" neste eido, baixo o lema "Plan de rescate xa!". Neste senso, desenvólvese un paro de actividade entre as 10 e as 13 horas. 

Plan de rescate

Desde a Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega lembraron como especialmente dura a situación dos hoteis e pensións, negocios con superficie pequena onde a actividade se concentraba na barra ou da hostalaría nocturna, coa actividade paralizada desde hai case un ano.

A plataforma avoga por unha unidade que sirva de representación do sector, "ampla e plural", ante as Administracións encargadas da xestión da situación. “Debemos pór no centro do debate e actualizar o Plan de rescate presentado en novembro e exixir que esa sexa a guía de actuación ”, sinalaron.

“As mal chamadas axudas non son a solución ao problema do sector, son un punto máis da nosa proposta. Esta desinformación é conscientemente posta en valor pola Xunta para intentar agochar a nefasta xestión e falta de iniciativa que ten a respecto deste tema”, engadiron con rotundidade. Instaron, ademais, ao Goberno galego a actuar no marco das súas competencias e liderar, co seu apoio, ante as entidades competentes as medidas do Plan de rescate proposto.

Comentarios