Denuncian unha “estratexia premeditada” das industrias lácteas para baixar prexos

Agromuralla afirma que “hai un “empeoramento xeral das condicións de recollida do leite nas explotacións".

Explotación leiteira (SLG)
photo_camera Explotación leiteira

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla denuncia que as industrias lácteas que operan na Galiza están a seguir unha mesma "estratexia premeditada" que está a supoñer un "empeoramento xeralizado das condicións de recollida do leite nas explotacións". 

Segundo alerta o presidente de Agromuralla, Roberto López, "estanse a producir baixadas de prezos nos contratos que tocaba renovar a 31 de xuño e mesmo modificacións á baixa tamén en contratos asinados meses atrás e xa en vigor".

Ademais, aínda que algunha empresa se compromete expresamente nos seus contratos a pagar por riba dos custos de produción que publique o Ministerio “e outras cúbrense as costas unicamente transcribindo literalmente o artigo da Lei da Cadea de Valor que establece esta obriga, o criterio xeneralizado é que as industrias inclúen a cláusula dos custos de produción responsabilizando ao produtor, no sentido de facerlle asinar por escrito que o produtor declara que o prezo pactado cubre os custos de produción, aínda que non exista elemento obxectivo algún que probe tal circunstancia”. 

Para Agromuralla, "as empresas estanse a valer de desculpas e artimañas para empeorar as condicións aos produtores".

 "Primeiro foi o coronavirus e agora a adaptación á última modificación da Lei da Cadea Alimentaria, que obriga a que os prezos en orixe pagados aos produtores cubran os custos de produción. Coa desculpa da necesaria adaptación dos contratos a esa nova cláusula, as empresas están a aproveitar para revisar outras condicións que nada teñen que ver con esa circunstancia", alerta Roberto López. 

Comentarios