Daniel Raventós: "Diante dunha situación extraordinaria hai que tomar medidas extraordinarias"

Daniel Raventós,economista (Nós Diario)
photo_camera Daniel Raventós,economista (Nós Diario)

O economista e presidente da Rede Renda Básica, Daniel Raventós, leva anos proclamando a necesidade de que toda a poboación teña garantidos uns ingresos mínimos. Agora, coa situación de emerxencia sanitaria e a paralización da actividade económica, a tese que defende cobra máis forza. 

Que lle parece as medidas económicas que tomou o Goberno español nesta crise?

Calquera medida económica que se tome primeiro hai que mirar que é o que permite a Unión Europea (UE). Europa non actuou, nin moito menos, como unha unión, máis ben cada quen foi polo seu lado en función dos seus intereses. Delors mesmo dixo o outro día que estamos a punto de matar a UE.

As medidas actuais do Goberno do Reino de España denotan unha sensibilidade diferente das que se tomaron ao principio da crise económica con Zapatero. Déronse conta de que eran unha medidas completamente austeras que o único que conseguiron foi enviar un país á merda, Grecia.

Chove sobre mollado. O mesmo Fondo Monetario Internacional (FMI) dixo que podemos caer nunha situación peor desde o punto de vista económico. A situación actual é diferente. Colleu á poboación non rica nun estado peor do que estaba hai nove ou dez anos.

Algunhas das medidas do actual Goberno van na liña de non acabar de afogar á maioría da poboación non rica. Agora ben, estamos a anos luz do que en realidade se tería que facer.

Estando nunha situación excepcional todas as medidas tradicionais quedan nun termo secundario. Diante dunha situación extraordinaria hai que tomar medidas extraordinarias.

Unha destas medidas sería a Renda Básica Universal (RBU)?

Sería unha parte da solución. Hai quince días persoas como De Guindos, do PP, ou Toni Roldán, que vén de Ciudadanos, non estaban a favor dunha RBU e agora si. Todos din que diante dunha situación como esta, aínda que engadan que ten que ser de maneira provisional, esta medida é necesaria.

A RBU é para moitos sectores como unha medida de urxencia e inmediata. Moitos pequenos comercios teñen uns días de liquidez, de media, contados. Por exemplo os bares e restaurantes que teñen 17 días. Pensa que son os días que levamos de confinamento!

Outro dato para ver a magnitude do que vivimos. Os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) que se presentaron estes días no Reino de España son tantos como en todo o ano 2019.

Diante dunha situación na que calquera previsión catastrófica queda moderada respecto ao que será a realidade, non me estraña que apareza como unha posibilidade.

Outra cousa é que a idea de De Guindos ou Roldán, cando falan de RBU, sexa unha medida condicionada para determinados casos de pobreza, ou sexa, o que temos agora.

En 2019 tíñamos 8 millóns de pobres no Reino de España e só 8% recibía unha renda por pobreza. Mellorar esta merda?

Como debería de ser a RBU para que funcionase?

Nunha situación como a actual tería que pedir unha RBU quen crea que a necesita. O Goberno debería ingresarlla nunha semana como moito. Eu non a pedirei, non a necesito, e unha parte importante da poboación non a pediría.

Hai quen está preocupado por se a pide quen non a necesita. Non hai problema, sempre hai un recurso do Estado moi importante: a declaración da renda do ano vindeiro. Terían en conta un criterio económico nunha liña para todo o mundo e se lle retiraría ese importe.

Estamos falando de que a xente precisa efectivo para vivir. Moi ben, dálle ese efectivo.

Nós dixemos, como exemplo, que unha cifra podería ser 520 euros á primeira persoa que vive nunha vivenda e 50% a todas as outras persoas que viven na mesma vivenda. É a idea da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) de que cinco persoas na mesma vivenda custa máis que unha mais non cinco veces máis pois hai custes fixos. O importe total dividiríase polo numero de persoas e ingresaríase na súa conta.

Pode ser esa cantidade ou outra, o importante é que aplique. Para min é pouco, sempre dixen que debería ser de 1.000 euros. En todo caso non discutiría pola cantidade. O importante é que a xente teña unha cantidade mínima para poder vivir os vindeiros meses, polo menos até o día 31 de decembro deste ano.

Seria complicada a súa aplicación? Hai quen di que si polos cambios a facer no sistema fiscal.

Pódese facer cun decreto gobernamental. De cara a un futuro, en 2021, claro que habería que realizar unha reforma fiscal que o fixera posíbel. Agora non estamos nunha situación normal.

Outro aspecto a ter en conta son as grandes propiedades. Este tema está a saír en xente progresista, desgraciadamente non no Goberno, que a propiedade privada está suxeita á utilidade pública como nas grandes constitucións republicanas. Que quere dicir que ás grandes propiedades nesta situación non se lles poida poñer un tipo fiscal que permitira sacar cantidades realmente importantes. Jordi Arcaróns explicaba que se se taxaba 1% das propiedades que non son primeiras residencias nas persoas máis ricas da poboación, unhas 350 que pasan dos 3 millóns de euros de renda e de patrimonio anuais, sacariamos unha cantidade realmente espectacular. Recadaríanse 8.400 millóns de euros. Se fose 3% sería o triplo. E seguirían sendo ricos! Preocupámonos de onde sacar o diñeiro cando temos esa posibilidade?

Que resultado daría esta RBU a curto e medio prazo?

Os máis evidentes serían que a poboación que estaba desamparada tería unha protección mínima para facer fronte ao que podíamos dicir a súa subsistencia. Ademais o Estado recuperaría unha parte deses ingresos coa pequena capacidade de consumo que sen a RBU non tería.

Nos pequenos produtos tamén hai uns impostos indirectos que reverten nas arcas públicas. Tería unha repercusión en estabelecementos e pequenos comercios.

Se non se toman este tipo de medidas?

Sería un desastre. Unha gran parte da poboación estará nunha situación moito peor que antes de chegar a pandemia. Non temos ningún precedente anterior dunha crise deste tipo.

O feito de que os propios gobernos paralicen o 60% ou 70% do funcionamento económico durante non se sabe canto tempo é algo do que non temos ningunha experiencia. Unha guerra é outra cousa. Unha crise económica como a do ano 1929 é outra cousa. O que temos agora é unha experiencia que seguro, aínda que remate máis ou menos ben, falarase durante moitos anos.

O que é difícil de pensar é que acabe de aquí un mes. Pode ser que nun mes se rebaixen algunhas medidas de confinamento. Estudos realizados polo Instituto Técnico de Massachusetts teñen a hipótese de que pode que nos teñamos que acostumar a vivir a dous meses de liberdade e un mes de confinamento periódico. Unha economía nunca estivo suxeita á experiencia que un goberno a paralice nunha porcentaxe grande durante moitos días.  

Comentarios