O desemprego xa afecta na Galiza 36,63% da poboación menor de 25 anos

A crise vólvese cebar coa mocidade

Foron as e os grandes perdedores da Longa Depresión iniciada en 2008 e a historia vai camiño de repetirse. Se a década pasada foi a dunha xeración sen expectativas económicas nin persoais, o novo tempo que arranca coa crise do coronavirus apunta na mesma dirección. A mocidade está a ser a principal pagá.
Mozas e mozos agardando para cruzar a estrada en Compostela. Arxina
photo_camera Mozas e mozos agardando para cruzar a estrada en Compostela. (Foto: Arxina)

A segunda década do século XXI foi un período perdido para a mocidade galega. Malia o escaso peso demográfico deste sector na sociedade, a totalidade dos indicadores referidos á mesma foron negativos até o punto de que unha boa parte das e dos analistas chegaron a falar dunha xeración perdida pola ausencia de expectativas laborais. As altas taxas de desemprego entre a poboación menor de 25 anos, que nalgunha anualidade do período chegaron a superar o 40%, e a alza da emigración son dous exemplos paradigmáticos da situación. Sen ir máis lonxe, entre 2009 e 2019, 326.824 persoas abandonaron Galiza, 213.511 con destino ao Estado español e 113.313 a diferentes países do continente europeo.

Os datos coñecidos desde o comezo da pandemia apuntan a unha reedición da situación anterior. Así, por exemplo, as cifras fornecidas a pasada semana pola Enquisa da Poboación Activa (EPA) referidas ao terceiro trimestre do ano debuxan unha realidade laboral dual, onde a mocidade e os traballadores e traballadoras de menor cualificación aparecen como perdedoras da crise. Porén, a desigualdade é aínda maior, tendo en consideración que a mocidade e os traballadores precarios teñen peor carreira de cotización e, por conseguinte, as prestacións públicas derivadas dos ERTE ou dos subsidios de desemprego cobrados durante este período tamén son moito menores.

48,40% da poboación entre 16 e 19 anos en paro

As cifras de ocupados son moi desiguais en función das franxas da idade. O desemprego afectou no terceiro trimestre de 2020 a 36,63% da poboación menor de 25 anos, o que significou un aumento de 10,4% no último ano. Ao tempo, o paro alcanzou o 48,40% da poboación entre 16 e 19 anos e o 34,38% no grupo de idade entre 20 e 22, unhas cifras de desemprego en calquera dos tres casos moi superiores ao total da Galiza, que nese período chegou a 11,8%. Abonda con reparar na porcentaxe de ocupación da poboación entre 25 e 54 anos, situada en 11,09% para caer na conta da fenda aberta no mercado traballo, cuns números moi semellantes aos do peor momento da crise comezada en 2008.

As diverxencias son máis evidentes cando se repara na franxa de idade de máis de 55 anos. Aquí, o número de desempregadas e desempregados situouse en 8,85%, mentres que no mesmo trimestre do ano pasado rexistrouse 10,86%, evidenciando que a destrución de emprego se centrou na mocidade. A explicación a este fenómeno atópase no carácter máis precario das condicións de traballo e na temporalidade dos contratos da poboación máis nova, aspecto que favorece os despedimentos. Na mesma liña, ao ser máis caros os despedimentos entre a franxa de idade superior a 55 anos, os empresarios optaron polos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) como vía de axuste sen rachar a relación laboral. Ao tempo, nos últimos meses téñense freado de maneira significativa os procedementos de xubilacións. 

A expulsión da mocidade do mercado de traballo está a ter o seu correlato na caída da temporalidade por primeira vez desde 2014. Neste sentido, a totalidade dos estudos vinculan a causa do descenso na taxa da temporalidade, isto é, a porcentaxe de persoas asalariadas con contrato temporal, cos despedimentos entre os menores de 25 anos, até o punto de situarse por baixo de 50% no segundo trimestre de 2020.

O impacto da pandemia sobre a economía é moi desigual por sectores, afectando de maneira particular aquelas actividades onde se ocupan moitos mozos e mozas. Un caso evidente é a hostalaría, á cabeza da destrución de emprego desde que comeza a crise e cunha caída da actividade no último ano de arredor de 9%. Após a hostalaría, sitúanse outros sectores cunha importante presenza xuvenil como o traballado do fogar e o das actividades artísticas e do ocio, moi relacionada co turismo ou o comercio.

Precisamente, a metade do emprego destruído no comercio retallista afecta a menores de 30 anos, cando esta franxa de idade non chega a 22% do total da poboación ocupada no sector.

A pandemia deixa ao descuberto as debilidades do modelo social e acentúa as tendencias económicas que se viñan manifestando nos últimos anos na Galiza. A este respecto, os estudos elaborados con anterioridade á aparición do virus coincidían en que a xuventude era un dos colectivos con maior precariedade laboral, cunha maior temporalidade, cuns salarios máis baixos, cunha maior descontinuidade e, por tanto, cunha posición estrutural máis débil. Este volta a ser o sector social que con máis dureza está padecendo as consecuencias económicas da crise.
 

Comentarios