A crise industrial galega golpea nas antigas empresas públicas privatizadas

Sede da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (Foto: SEPI).
Este 24 de xullo fanse 24 anos da privatización de Alcoa, unha das empresas con pasado público que arrastra problemas na Galiza.

A crise industrial que padece Galiza está estreitamente relacionada con procesos de privatización de empresas públicas. Firmas como Ence, Barreras ou Alcoa, outrora baixo o control da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI),  deixan no aire a continuidade de centos de postos de traballo no país, mentres que desde diversos foros políticos e sindicais claman de novo pola volta destas industrias ao sector público.

Este sábado fanse 24 anos da privatización da antiga Inespal, empresa dedicada á produción de aluminio. Foi un 24 de xullo de 1997 cando Alcoa fixo efectiva a compra á SEPI da antiga entidade pública, propietaria das plantas de aluminio de San Cibrao (Cervo), A Coruña e Avilés e todo parece indicar que non chegará a cumprir os 25 anos como titular.

En 2019, Alcoa traspasou ao fondo suízo Parter a titularidade das factorías da Coruña e Avilés, unha operación non exenta de polémicas que aínda está a ser revisada pola Xustiza, como tamén o está o despedimento colectivo que pretende levar a cabo na planta de San Cibrao, tombado en primeira instancia polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e recorrido ante o Supremo.

Ao mesmo tempo, a multinacional norteamericana do aluminio está a negociar a venda da planta de Cervo. Nesa operación, quere que a SEPI exerza como intermediaria, comprando as instalacións para despois venderllas a un terceiro, blindando así as súas posíbeis responsabilidades xudiciais no futuro.

Tanto no caso da planta de Alcoa en San Cibrao como no das de Alu Ibérica da Coruña e Avilés, os comités tamén exixen a intervención pública da SEPI para garantir a continuidade da actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo, unha postura que conta co apoio do Parlamento galego e, no caso de Alcoa, tamén do Congreso das Deputadas.

Problemas no naval

Se a situación no sector do aluminio é delicada, non o é menos no naval. O Estado español conserva a titularidade dos estaleiros de Navantia en Fene e Ferrol. No primeiro deles, a empresa pública vén de anunciar a construción dunha fábrica para pilotes de eólica mariña, un sector no que se está a especializar. En Ferrol, pola contra, agardan por carga de traballo até que comece a construción das fragatas F-110 para a Armada española. 

En Vigo, o sector naval tamén está a pasar por un momento delicado. O estaleiro Barreras, xunto coa antiga Vulcano, son os expoñentes desta crise. A empresa de Bouzas leva anos á deriva, con contratos puntuais como o flotel de Pemex ou agora o cruceiro de Ritz Carlton, que non foron capaces de enderezar o rumbo da compañía, que até 1997 estivo en mans do Estado.

Outra das firmas que corre risco de desaparecer na Galiza e a pasteira Ence. En xuño cumpríronse 20 anos da súa privatización por parte do Estado español, que  agora lle pode marcar o camiño de saída se finalmente se confirma o recente auto ditado pola Audiencia Nacional que anula a prórroga da concesión, outorgada en 2016 polo entón Executivo en funcións de Mariano Rajoy.