'Os camiños dos sabores': O Courel divulga a súa riqueza produtiva e innovadora a través de roteiros e catas
A elaboración de alimentos con produtos de proximidade creou nas comarcas de Quiroga e Os Ancares unha significativa rede de empresas que manteñen un contacto directo coa contorna. A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel recolleu esta realidade en 2023 para dar inicio a unha proposta que, co nome de Artesanía Alimentaria 'Os camiños dos sabores', procura promover e dar a coñecer o proceso que realizan de transformación de produtos como o mel, a carne, a castaña ou os froitos do bosque. A iniciativa, aberta ao público e gratuíta, conxuga a realización de roteiros coa visita a obradoiros e estabelecementos hostaleiros onde recibir información e poder participar en catas.
Se a primeira edición contou con dez roteiros, desta vez concéntrase en cinco, tendo comezado o domingo no Folgoso do Courel (comarca de Quiroga) cun percorrido polas zonas onde medran os froitos vermellos, como no caso de arandos, que rematou cunha visita á empresa Caurelor dedicada á elaboración de marmeladas e outros produtos.
O proxecto continuará este domingo 13 de outubro cunha visita á aldea de Seceda a cargo da sociedade apícola CauMel. Para o 20 de outubro está previsto o roteiro por Mostaz para coñecer o mundo da castaña coa visita ao obradoiro de Delicias do Souto. A carne e a súa produción será protagonista da actividade do 10 de novembro, desta vez en Pedrafita do Cebreiro (comarca dos Ancares) a través dun percorrido por Louzarela e a introdución á súa elaboración no restaurante Casa Sidro, tamén no Cebreiro. A última actividade, o 17 de novembro en Mercurín, recuperará outra vez o coñecemento da produción do mel coa empresa apícola O Galeirón.
Coidar o turismo
O presidente da entidade organizadora, Marcos Reinoso, explica a Nós Diario que a proposta tivo en conta que boa parte dos membros dedícanse á produción primaria e á transformación así como á hostalaría. "O turismo é necesario a nivel económico mais ten que ser un complemento do resto das catividades", considera, "hai que ter en conta que os que manteñen moitas das paisaxes do Courel son os que producen e transforman a castaña, o mel ou teñen gando", agrega. Entende que sen esa paisaxe "periga mesmo o propio turismo" que a idea é dar a coñecer os "gardiáns da nosa paisaxe e os seus produtos". Ademais, Reinoso lembra que "o turismo é a primeira fonte de creación de postos de traballo en relación á louseira".
Proxectos de vida
Desde a área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo hai optimismo en relación co futuro do Courel. En declaracións a Nós Diario, a deputada de Cultura Iria Castro –temporalmente tamén no departamento de Medio Rural por baixa médica do responsábel desa área, Daniel García– afirma que se está a traballar "na creación dun novo relato onde a montaña achega oportunidades para o desenvolvemento de proxectos de vida".
Nese apartado entrarían, segundo Castro, "empresas vencelladas neste eido coa produción primaria, a alimentación saudábel e de calidade, os circuítos curtos de comercialización cos mercados locais e feiras tradicionais". Porén, as necesidades que teñen os proxectos que conviven no Courel van máis alá da propia proxección para a comercialización e teñen que ver "cos servizos fundamentais para a veciñanza, coa falta de conciencia de pertenza, coa creación de comunidade e co fortalecemento do tecido social".
Fixar poboación e conservar o medio
Entre as empresas que participan está Caurelor, que comezou as andainas. Un dos responsábeis desta iniciativa que leva dezanove anos funcionando, Daniel Arza, explica a Nós Diario que "fixan poboación no territorio" ademais de conservar o medio ambiente. Traballan apañando castañas, arando e amoras "tentando que non se perdan os soutos tradicionais". Para comezar lembra que tiveron "moitos problemas burocráticos", como consecuencia de facer, ademais da produción, a comercialización. Aínda que ten clientes fixos "de hai moitos anos" recoñece que o mercado actual "está moi saturado e é difícil competir coa grande industria, ademais que hai xente que non valora o produto autóctono por fixarse máis no prezo". Entre as dificultades que salienta, a principal é "a falta de poboación". Sinala que no Courel "hai moitos soutos abandonados sen traballar".
Outra das empresa do programa é Delicias do Souto. Concepción Arza, a súa propietaria, leva dezaoito anos elaborando tortas que agora vende por internet "en todo o Estado". Sinala a Nós Diario que fan todo sen glute –por traballar coa castaña– e agora sacaron bolachas coa intención de chegar a outros mercados. Coincide en que proxectos como o seu "dinamizan a zona" e pon como exemplo as visitas de grupos concertados que visitan cada ano a comarca.
A oportunidade de coñecer experiencias emprendedoras
En opinión da deputada provincial Iria Castro, "O Courel ten futuro, ten moitísimas oportunidades". Lembra que na xornada de desenvolvemento rural impulsada en 2023 desde a área de Rural da Vicepresidencia denominada 'Do imposíbel ao posíbel', constituíuse un foro "dun enorme potencial no que coñecemos e afondamos na existencia de novos proxectos". Desta maneira iniciaron un contacto máis estreito con iniciativas agroalimentarias, agrogandeiras e culturais "algunhas vinculadas ás novas tecnoloxías", da man da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel.
Ir máis alá
Coa programación desta segunda anualidade que decorre estes meses a idea é "dar un paso máis alá da contemplación da paisaxe e o desfrute da natureza ás xentes que visitan O Courel", indica Castro, "trátase de que coñezan desfruten e valoren os produtos que nacen da paisaxe da Serra: mel, marmeladas, bolachas, tortas, carne de vacún e un longo etcétera", agrega a deputada. A modo de resumo, Castro asegura que aproveitan "a comunidade" que se creou despois dos grandes incendios de 2022 para "por en valor a biodiversidade ligada á actividade agrogandeira como obxectivo estratéxico".