venres 07/05/21

A Coruña emerxe como 'hub' enerxético co hidróxeno verde como protagonista

Firmas como Enagas, Naturgy Acciona ou Iberdrola están detrás dos proxectos que aspiran a converter A Coruña e a contorna do seu porto exterior nun referente da produción enerxética renovábel
Porto exterior da Coruña en Punta Langosteira (Foto: Autoridade Portuariia da Coruña).
Porto exterior da Coruña en Punta Langosteira (Foto: Autoridade Portuariia da Coruña).

A crise do coronavirus está a acelerar a transformación enerxética de Europa da man dos fondos europeos, que priorizan os investimentos que fomentan a produción de enerxías limpas, entre outros aspectos. 

Nos últimos meses, o hidróxeno verde, que se obtén a partir de fontes renovábeis e que posibilita o almacenamento de enerxía, pasou de ser un descoñecido para a maioría da poboación a ser o protagonista en moitos dos proxectos que optan aos fondos do programa Next Generation.

Neste proceso, Galiza non quere quedar atrás. Pouco a pouco se van coñecendo os proxectos de maior envergadura neste ámbito, detrás dos que emerxen as grandes eléctricas e multinacionais do sector. Tamén as súas localizacións e, nese senso, de saír adiante, A Coruña está chamada a ser un dos grandes 'hubs' enerxéticos do continente.

De feito, o nome na cidade aparece na estratexia do Goberno español para o hidróxeno verde e tamén na rede de hidrodutos proposta por once empresas gasistas da Unión Europea. 

Entre esas empresas figura Enagás, o rival de Reganosa, que ten ao empresario Amancio Ortega entre os seus principais accionistas. A compañía podería estar detrás dun proxecto para levantar, xunto con Acciona, unha planta de hidróxeno verde no porto exterior da Coruña que aproveitaría a enerxía eólica de varios muíños dispostos no dique de Langosteira.

Eólica mariña

A enerxía tamén podería provir do parque eólico flotante de 300 MW anunciado por Iberdrola e que ten na Galiza un dos seus posíbeis emprazamentos. Este parque aproveitaría a capacidade de conexión da antiga central de fuel e do ciclo combinado de Naturgy en Sabón, a escasos metros de Langosteira.

Pero Naturgy tamén ten os seus propios plans. A compañía eléctrica lidera desde hai anos un proxecto con EnergyLab para a produción de biogás a partir dos lodos de depuradora, unha iniciativa da que xa se está a beneficiar a cidade, coa inxección á rede de gas natural deste combustíbel, que tamén abastece un autobús da frota de transporte metropolitano e as furgonetas do proxecto Mulleres colleiteiras, encargadas da recollida e reciclaxe dos aceites domésticos.

Recentemente, a compañía presidida por Francisco Reynés anunciou o inicio dunha investigación para determinar as posibilidades de produción de hidróxeno verde na Estación Depuradora de Augas Residuais de Bens, tamén moi próxima a Langosteira, que complementaría á planta de hidróxeno que prevé levantar nos terreos da térmica de Meirama, xa fóra de servizo.

Oportunidades no metal

Onte mesmo, o presidente da patronal do metal (Asime), Justo Sierra, reuniuse co seu homólogo da Autoridade Portuaria coruñesa, Martín Fernández Prado, para analizar as oportunidades que se abren para a industria do metal e as súas tecnoloxías asociadas co proxecto A Coruña Green Port, que engloba máis dunha ducia de propostas empresariais vinculadas ás novas enerxías, cun importante efecto tractor para as empresas galegas, e de forma moi destacada para o sector do metal na eólica mariña.

comentarios