Galiza, pioneira en hidróxeno verde

O bipartito e Naturgy impulsaron en 2005 un proxecto experimental en Sotavento para o aproveitamento do excedente de enerxía dos parques eólicos
Planta de hidróxeno verde nas instalacións do parque experimental de Sotavento, no concello de Xermade (Foto: Naturgy)
photo_camera Planta de hidróxeno verde nas instalacións do parque experimental de Sotavento, no concello de Xermade (Foto: Naturgy)

Os plans de Endesa no concello das Pontes pasan por levantar nos terreos da actual central térmica unha planta de hidróxeno de 100 megavatios (MW), un proxecto para o que estima un investimento de 127,2 millóns de euros. A instalación, que terá unha produción anual de 10.000 toneladas, estará situada xunto ao ciclo combinado de gas natural e podería estar rematada en decembro de 2024. Dada a elevada produción, Endesa non desbota a posibilidade de construír tamén unha planta de licuefacción, o que facilitaría o transporte do combustíbel aos puntos de consumo.

Este proxecto é un dos primeiros que se coñecen con detalle na Galiza, pero non é a primeira vez que se explora esta tecnoloxía no país para aproveitar o excedente de enerxía xerado polos parques eólicos e almacenalo en forma de hidróxeno.

En 2005, co bipartito no Goberno da Xunta, a Consellaría de Industria, Naturgy (entón Gas Natural Fenosa) e a Fundación Sotavento Galiza impulsaron un proxecto para estudar a idoneidade do hidróxeno como sistema de almacenamento de enerxía que permita a xestión enerxética e económica dun parque eólico e, por outro, a xeración de hidróxeno 100% renovábel a partir de enerxía eólica, o coñecido como hidróxeno verde.

A planta experimental comezou a operar en 2008. Ese mesmo ano, unha continxencia no transformador principal do Parque de Sotavento (Xermade) deixouno sen operación até abril de 2009, o que dilatou os resultados do mesmo até 2011. 

No informe final do proxecto, os seu impulsores destacaban que a planta contaba coa maior potencia electrolítica estabelecida a nivel europeo, o que situaba a instalación nunha escala "cuasi industria", marcando unha clara diferenza con instalacións piloto desenvolvidas con anterioridade. 

Outro aspecto que facía este proxecto especialmente relevante era que aproveitaba a enerxía xerada polos muíños do propio parque. Nesta liña, sinalaban que o resto de experiencias leváronse a cabo en países nos que, a diferenza do que acontece na Galiza, non existía nin se prevía un problema na xestión da enerxía producida nos parques eólicos, tanto pola potencia instalada como polas capacidades de interconexión con outros territorios.

Mellor como combustíbel

No apartado das conclusións, os promotores salientaban que a aplicación máis interesante desde o punto de vista técnico e económico sería a xeración de hidróxeno para a súa venda como combustíbel, xa que a reconversión do hidróxeno a electricidade era "o paso de menor eficiencia no proceso"

Tamén chamaban a atención sobre a necesidade de desenvolver unha normativa específica que regulase este tipo de instalacións, así como de estabelecer un protocolo cos trámites administrativos e unha nova normativa que contemple a xeración eléctrica mediante o emprego do hidróxeno, unha carencia que dificultaba a súa venda no mercado.

Como explica o por aquel entón conselleiro de Industria, Fernando Blanco, a Nós Diario, a planta de Sotavento permitía almacenar os excedentes da produción eólica para transformalos en hidróxeno e, por tanto, ter unha fonte de enerxía almacenábel neses momentos nos que non se conecta a rede. 

A idea do proxecto, sinala o ex conselleiro do bipartito, non era outra que a de "buscar a optimización das enerxías renovábeis dun modo pouco invasivo" ante a previsíbel situación de grande oferta da produción eólica en momentos de baixo consumo. "O problema era que ou parabas os muíños ou non tiñas outra alternativa para non saturar o mercado". 

Galiza convertíase así en pioneira do desenvolvemento dunha tecnoloxía que hoxe está en boca de todas e todos. "Adiantámonos ben", recoñece Blanco, que opina que a Galiza "está ben situada" nesta materia, o que ofrece "a posibilidade de investigar e dedicar recursos e intentar optimizar todo ese potencial que temos, que non debería quedar só no da enerxía, senón tamén no da I+D+i". 

Pioneiros ou espectadores 

"Temos que ser pioneiros e crear nun futuro un sector industrial ao redor da enerxía, tanto en investigación de eólico, como de hidróxeno, como de calquera outra alternativa. Que teñamos unha capacidade industrial de xerar un produto, que poidamos vender ao mundo, ese é o obxectivo tamén, non só a produción de enerxía, senón o que trae vinculado o desenvolvemento destas novas tecnoloxías", insiste Blanco. 

A cuestión é que, de momento, estes proxectos só parecen estar impulsados polas grandes firmas enerxéticas, que non queren deixar pasar a oportunidade de explorar un novo nicho do mercado eléctrico. Endesa xa puxo as cartas sobre a mesa, pero Naturgy tamén ten intención de levantar unha planta de hidróxeno verde nos terreos que deixará libres a térmica de Meirama, no concello de Cerceda.

"Volveremos ser produtores de enerxía sen nada máis, sen empresas radicadas aquí. Serán as grandes as que xeren emprego e riqueza noutros lados explotando recursos de aquí. É un clásico, pero segue a ser exactamente igual que sempre", lamenta Blanco. 

"O noso comportamento nese sentido é o dunha zona explotada pero que non é capaz de xerar unha dinámica propia para ter un peso específico dentro da industria enerxética no seu conxunto. Ese é o problema histórico. As eléctricas son realmente o poder", conclúe.

Comentarios