Xaime Cortizo une foto e viticultura nunha viaxe interior de Compostela á Ribeira Sacra
'Viaxe interior de Pedra, Auga e Viño' é a maridaxe de dúas paixóns do fotógrafo Xaime Cortizo: a imaxe “inspiradora” das rúas compostelás e as “paraxes fantásticas” da Ribeira Sacra. O espazo enocultural Vide, Vide! uniu as fotografías da exposición e a presentación do viño de autor Xialma.
O fotógrafo compostelán Xaime Cortizo recoñece o seu “namoramento” coa capital galega, unha cidade que cualifica como “máxica e inspiradora” para súa profesión. Hai dous anos e medio que o convenceron para mercar dúas viñas na Ribeira Sacra e desde entón comparte o seu “namoramento” entre a capital galega, que é Patrimonio da Humanidade, e a Ribeira Sacra, candidata a recibir o mesmo recoñecemento por parte da Unesco. Esta experiencia vital de Cortizo explica á perfección a súa exposición 'Viaxe Interior de Pedra, Auga e Viño', inaugurada esta terza feira no espazo enocultural Vide, Vide!, en Compostela. Unha ducia de fotografías, “metade e metade” entre Santiago e a Ribeira Sacra, que quixo acompañar coa presentación dun viño de autor, Xialma, feito con uvas das súas vides en Bexán (O Saviñao, Terra de Lemos) e Sobrecedo (Taboadela, comarca de Chantada).
“Ando polos 40 e pico, serán 47 en xaneiro, e precisaba parar co ritmo frenético e ter contacto coa terra e a natureza”, explica en conversa con Nós Diario. Fai dous anos e medio que mercou as súas dúas viñas “separadas por 10 quilómetros río arriba e río abaixo”. A localización das súas viñas representa, segundo Cortizo, “dúas miradas distintas dun mesmo territorio que converxen nun viño que quere transmitir calma, inspiración e a emoción da paisaxe”.
"Os tintos da Ribeira Sacra son moi elegantes para estas datas", destaca Martiño Santos
'Viaxe interior de Pedra, Auga e Viño', que comezou sendo só 'de Pedra e Auga', complétase cunha serie de imaxes que conectan Compostela coa Ribeira Sacra, “unindo a pedra e a luz de Santiago coas ladeiras silenciosas do Miño”. Explica o fotógrafo que a exposición “é un percorrido desde as miñas orixes no mundo da fotografía até a conexión agora coa vitivinicultura e co viño e a Ribeira Sacra”. As fotografías de Xaime Cortizo retratan gárgolas, paisaxes, viñas, ríos e texturas “que acompañaron o meu proceso creativo nos últimos anos”. Compostela e a Ribeira Sacra son, neste caso, nexo vital dunha “exploración persoal na que o viño e a fotografía se entrelazan para contar unha mesma historia”. Destaca o fotógrafo o fío condutor da exposición como forma de inmortalizar “un territorio que inspira e transforma”.
"Xialma", paisaxe embotellada
Xunto coas fotografías, a experiencia no “Vide, Vide!” contou coa presentación do primeiro viño de autor feito coas uvas das viñas de Xaime Cortizo. “Xialma” é, segundo explica, “un proxecto íntimo e artesanal”, elaborado con uvas procedentes de dúas pequenas viñas en Bexán e Sobrecedo. Para catar Xialma, Cortizo explica os conceptos que inspiraron a súa elaboración, “é un viño pensado, plurivarietal, a mestura as dúas viñas”, sinala en conversa con Nós Diario.
Para a elaboración deste viño de autor, explica Cortizo que estivo asesorado por Roberto Regal e contou coas instalacións de Enonatur en Chantada. A idea do “Xialma” parte do desexo do fotógrafo e viticultor de “facer o viño como se facía antes, con todas as variedades, equilibrando o viño”. De feito, Xialma leva unha porcentaxe maioritaria de uva mencía pero tamén ten garnacha tintoreira e outras variedades “que hai na viña”, pero tamén leva unha porcentaxe de branco, en concreto godello, treixadura e palomino “para darlle maior frescura”.
O segredo deste viño, segundo explica Cortizo, está tamén nas “vendimas de cedo” que este ano foi o 9 de setembro na procura “do grao, frescura no viño, moita froita e fermentación espontánea con lévedos autóctonos da zona. Xialma ten a fermentación maloláctica feita en barrica de carballo francés e nove meses para “non marcar a madeira. O resultado é un viño de autor que “procura captar a esencia dun territorio único e a filosofía” do seu creador, que o considera “un viño entendido como paisaxe en botella, unha homenaxe á terra, á tradición familiar e ao diálogo entre arte e natureza”.
"Hai un déficit de consumo de tintos galegos nas áreas máis poboadas", alertan
Martiño Santos é sumiller e socio do espazo enocultural Vide, Vide! Destaca en conversa con Nós Diario o “apoio na campaña de Nadal aos tintos da Ribeira Sacra”, con eventos como a exposición e a presentación de Xialma. A presente campaña de Nadal é “a principal do ano en vendas de viño” e no Vide Vide! teñen claro o seu labor de “apoio aos viñedos galegos” e aos produtos de calidade: “As viñas coidan da terra, apoiamos produtos de proximidade e todos lembramos que poden parar incendios”, explica Santos.
Segundo os datos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, “hai un déficit de consumo de tintos galegos nas faixas do territorio máis poboadas”. Na práctica, sinala Santos, “hai un elevado consumo de tintos doutras zonas do Estado”, polo que a aposta de Vide, Vide! é clara: os tintos galegos pola climatoloxía Atlántica outorgan lixeireza “son máis frescos e bebíbeis” e están, como no caso de Xialma moi ben elaborados, o que os fan a opción de viño tinto perfecto para estas datas e tamén “como agasallo en celebracións familiares”. Explica o sumiller que os tintos galegos da Ribeira Sacra son “moi elegantes” para estas datas e unha alternativa ao tradicional consumo de tintos doutras zonas produtoras de viños do Estado español.
Sobre Xialma, Martiño Santos destaca que “está moi ben elaborado” e sinala a exposición de Xaime Cortizo como un exemplo perfecto da filosofía de Vide, Vide! de posta en valor “da cultura relacionada co viño”. Destaca o sumiller que é preciso “naturalizar o consumo dos viños propios”.
Apoiar as zonas vitivinícolas e o comercio dos tintos propios
Xaime Cortizo é un namorado de Compostela e agora tamén da Ribeira Sacra, onde desenvolve desde hai uns anos parte da súa vida e a súa nova faciana como viticultor, da que fala con paixón e na que se está formando. Chantada foi o escenario da inauguración da súa exposición en outubro de 2024, e ten pasado tamén por Taboada (tamén na comarca de Chantada), O Saviñao, Monforte e Sober (na Terra de Lemos) e O Carballiño. Na Ribeira Sacra, da que destaca a “boa acollida” que recibiu por parte “deses ribeiraos auténticos, que son os que sostiveron a paisaxe”. Asegura que o sentir maioritario é que “non se entendería que a Unesco non recoñeza a zona como Patrimonio da Humanidade”. Considéraa “unha zona moi delicada a coidar, tamén do turismo masivo” e no seu peto leva novos proxectos que desenvolver na Ribeira Sacra, como unha guía turística o territorio, acompañada de imaxes e textos sobre a historia e o patrimonio e tamén recomendacións sobre gastronomía. Tamén Martiño Santos destaca o traballo que espazos enoculturais como o Vide,Vide! fan en proxectos que “relacionan Compostela coa Ribeira Sacra, as zonas máis poboadas coas zonas de produción vitivinícola do país”, explica a Nós Diario. Viños das Denominacións de Orixe Rías Baixas, Ribeiro ou godellos de Valdeorras ou Monterrei teñen feito este traballo de promoción do seu consumo, dentro e fóra do país, aos tintos galegos fáltalles “naturalizar o coñecemento das zonas produtoras que aumente o consumo de tintos propios na Galiza”, conclúe Santos.