Compraches un coche das marcas do Grupo Stellantis? Talvez poidas reclamar parte do custo

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) presentou a súa quinta demanda colectiva contra os fabricantes das marcas de Grupo Stellantis polo chamado cártel dos coches.
Automóbiles producidos na factoría de Stellantis Vigo (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera Automóbiles producidos na factoría de Stellantis Vigo (Foto: Pedro Davila / Europa Press).

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) presentou a súa quinta demanda colectiva polo chamado cártel de coches contra os fabricantes das marcas de Grupo Stellantis (Peugeot, Citroën, Opel, Fiat, Alfa Romeo, Lancia, Chrysler, Jeep e Dodge) e contra a propia matriz ante os Xulgados do Mercantil de Pontevedra, ás que reclama unha indemnización para os usuarios e as usuarias afectadas, informou esta terza feira esta organización nun comunicado.

A OCU pretende con esta demanda unha indemnización para resarcir as propietarias que pagaron un sobreprezo na compra dos seus vehículos debido a "un pacto colusorio" realizado entre as citadas marcas.

En concreto, esta organización, en base a unha análise pericial efectuada, solicita 10,61% do prezo de compra, en concepto de indemnización polo prexuízo ocasionado ás persoas que adquiriron un vehículo por un importe superior do que pagarían "de non existir acordos contrarios á competencia".

Período de compra

A este importe, explicou o colectivo, hai que engadir os xuros de demora desde a adquisición do vehículo, o que equivalerá por tanto a unha indemnización total de entre 14% e 17,5% en función da data de compra.

Na práctica, isto quere dicir que as compradoras dun vehículo das citadas marcas en certas datas, son as beneficiarias desta acción, por ser os períodos acreditados nos que os correspondentes fabricantes participaron "no pacto ilegal".

Concretamente, no caso das compradoras de coches Peugeot, Citröen e Opel, afecta ás usuarias que adquirisen o seu vehículo entre febreiro de 2006 e xullo de 2013. No caso de Fiat, Alfa Romeo e Lancia, de febreiro de 2006 a agosto de 2013. E no caso de Chrysler, Jeep e Dodge, ás que comprasen entre abril de 2008 e agosto de 2013.

Posibilidade de adherirse á demanda colectiva

Para incorporarse a esta acción, a OCU convida a calquera usuaria afectada a facelo por internet a través da súa web. Ademais, asegura que ofrece as condicións económicas posibelmente máis vantaxosas do mercado para as que decidan unirse a esta acción, que, aínda que son máis favorábeis para as socias subscritores, en calquera caso, inclúen avogado, procurador e perito, sen necesidade de achegar provisión de fondos e tendo que abonar o custo só en caso de estimación da demanda.

Comentarios