O Goberno español limítase a dicir que recorrerá o veto á pesca "con alta probabilidade"

"Non todos os barcos de pesca que se poden ver afectados están a pescar dentro dos polígonos, nin sequera próximos a el", defende a secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz.
Pescadores no peirao de Burela, en abril de 2021 (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #pesca #frota #poem #eólicamariña #sectorpesqueiro #economía
photo_camera Pescadores no peirao de Burela. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz, afirmou esta quinta feira que o Goberno español, "con alta probabilidade", presentará finalmente o recurso contra o veto á frota de fondo en 87 caladoiros entre Irlanda e o Golfo de Cádiz.

O que descarta Villauriz, porén, é que o Goberno pida unha moratoria de dous meses para a entrada en vigor da prohibición, tal e como solicitou esta cuarta feira a Xunta da Galiza, posto que "non é factíbel, non está contemplada e cabe expola, mais a Comisión vaina desatender", dixo, nunha entrevista concedida á Radio Galega.

Aliás, a secretaria xeral non contempla amarres de frota "no inmediato", posto que o impacto a partir do día 10 de outubro —a norma entrará en vigor o 9— "vai ser reducido".

"Non todos os barcos de pesca que se poden ver afectados están a pescar dentro dos polígonos, nin sequera próximos a el. Están a se mover, dependendo da estación, entre unhas zonas e outras. Inmediatamente vai haber impacto mais vai ser reducido. Temos ese tempo para poder esperar ao novo ditame do ICES que teña en conta a información máis recente e poida corrixir o acto de execución. Temos que ser cautos", aseverou.

Neste senso, apuntou que "hai alternativas" e "capacidade de movemento", aínda que "teñen que tomarse decisións para saír das zonas concretas". "Pero non vai haber inmediatamente ningunha necesidade de que os barcos se amarren", incidiu.

A Lonxa da Coruña urxe o recurso

Pola súa parte, a Lonxa da Coruña, integrada por seis asociacións do sector, xunto á Federación de Autónomos da Galiza, sumouse ás múltiples peticións ao Executivo de Pedro Sánchez de recorrer o veto de Bruxelas.

""Resulta difícil de comprender que un regulamento establecido para regular as pesqueiras de augas profundas afecte finalmente os buques pesqueiros e ás especies das pesqueiras demersales que non foron obxecto da devandita regulación", sinalou a Lonxa, nun comunicado.

Comentarios