O colectivo Amil Sen Eólicos confirma que os polígonos eólicos Anduriña e Zudreiro foron denegados e arquivados
O colectivo Amil Sen Eólicos vén de confirmar que os polígonos eólicos Anduriña e Zudreiro, nos concellos de Moraña, Campo Lameiro, Barro e Pontevedra, foron denegados e arquivados pola Xunta da Galiza. Ante a desaparición destes proxectos do Rexistro Eólico da Galiza, o colectivo solicitou os informes correspondentes ás autoridades, que confirmaron que os Polígonos Eólicos Anduriña e Zudreiro non poderán construírse.
O patrimonio do Acibal, clave para denegar os proxectos
Os motivos da imposibilidade de construción destes proxectos responden a un informe desfavorábel da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que destaca a incompatibilidade destes polígonos coa protección e conservación do patrimonio arqueolóxico e cultural da zona.
Con respecto a Zudreiro, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural considera a súa a construción "incompatíbel coa protección e a conservación dos valores do patrimonio cultural existente nesa zona" .
Con respecto a Anduriña, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural requiriu modificacións á empresa promotora. "Conclúese que o estudo de impacto cultural presentado non permite realizar unha avaliación de impacto completa e axeitada para a totalidade dos elementos patrimoniais afectados, debéndose ter en conta a alta potencialidade arqueolóxica desta área. Por tanto, ao obxecto de poder continuar coa tramitación e análise deste expediente, é necesario corrixilo e completalo nos aspectos que deseguido se indican", sinala.
En consecuencia, a empresa promotora desistiu do proxecto ao non consideralo viábel cos cambios e medidas requiridas. "O impacto do proxecto polo tanto sería relevante, deixando poucas alternativas á reubicación dos aeroxeradores, entre outras cousas debido tanto ao impacto visual xerado polos mesmos como a afeccións directas a elementos patrimoniais , tal e como se indica no informe. Tendo en conta o anterior, xunto co resto de informes sectoriais recibidos e tras analizar minuciosamente o emprazamento, descártase a posibilidade de desprazamento dos aeroxeradores e demais infraestruturas a outras zonas da poligonal".
Este rexeitamento por afeccións patrimoniais recorda o caso do Polígono Eólico Acibal, que se solapa con Anduriña, é veciño do Zudreiro, e cuxas obras seguen paralizadas cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). O colectivo recorda que informaba semanalmente a Patrimonio de novos petróglifos no medio das obras, sendo algúns danados de forma irreversíbel, sen que se detivesen as obras en ningún momento.
O movemento en defensa do patrimonio do Acibal chegou até o punto de elaborar o 'Manifesto Contra o Espolio dos Nosos Montes e os Seus Bens', asinado por case 1500 persoas entre os que se atopan centos de personalidades da cultura galega.
Neste sentido, os informes de Anduriña e Zudreiro evidencian un procedemento rigoroso e coherente coa protección patrimonial, o que permite ao colectivo agardar que no caso do Acibal se adopten finalmente as medidas necesarias para protexer plenamente o patrimonio afectado.
Retirada das torres de medición
A Asociación Acibal, constituída pola veciñanza hai un ano, e que ten entre os seus obxectivos a defensa do patrimonio, solicitará aos concellos afectados a retirada inmediata das dúas torres de medición "orfas". Estas torres carecen de sentido unha vez os polígonos non se constrúen e o uso dos datos recollidos e incluso os proxectos de construción non son transparentes para a cidadanía, destacan.
O colectivo continuará traballando para protexer o patrimonio natural e cultural do Acibal e promover un territorio sen proxectos eólicos invasivos, mantendo informada á cidadanía e fomentando a súa participación activa.

