A CIG denuncia “un novo proceso de colonización enerxética” na Galiza

Chama a mobilizarse o 19 de setembro contra a “estafa da luz”.
Fernando Branco, secretario de Enerxía da Federación de Industria da CIG, e Paulo Carril, secretario xeral da CIG, onte en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fernando Branco, secretario de Enerxía da Federación de Industria da CIG, e Paulo Carril, secretario xeral da CIG, onte en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) deu a coñecer esta sexta feira as súas análises sobre as causas da suba da electricidade e presentou as súas propostas para reverter a situación. Ao tempo, o sindicato nacionalista chamou á mobilización nas cidades e vilas da Galiza para o 19 de setembro co obxectivo de emprazar as administracións a intervir no mercado para rebaixar o prezo da luz

A factura eléctrica incrementouse en máis de 20% durante a primeira semana de setembro. Malia que nesta sexta feira o prezo reduciuse en 1,8% en relación coa xornada anterior, fechando en 137,7 euros por megawatt a hora, o descenso foi insignificante para os valores acadados pola luz nos últimos meses. Neste sentido, o Operador do Mercado Eléctrico Ibérico (OMIE) considerou que os datos dos tres primeiros días do mes avanzaron unha tendencia alcista nos mercados e advertiron do seu incremento ligado a unha normalización da actividade empresarial após o período estival.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, amosouse moi crítico co “imparábel medre da factura da luz e a impunidade coa que actúan as eléctricas” e denunciou “o nulo papel que tanto o Goberno galego como o español están a facer para garantir, con políticas públicas, o acceso á electricidade do conxunto do pobo en condicións accesíbeis”. Na mesma liña, cualificou de “lamentábel e depreciábel” a posición da Xunta da Galiza coas empresas eléctricas, “nomeadamente as que explotan os nosos ríos”.

Unha empresa pública galega

Na rolda de prensa, Carril defendeu “modificar o sistema tarifario, limpando a factura de todas as peaxes que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico e coa produción de electricidade” así como a “creación dunha empresa pública galega de electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas cuxa concesión vaian vencendo e, tamén, controle as participacións que ten a Xunta noutras empresas enerxéticas”.

O máximo responsábel do sindicato nacionalista apostou pola “reversión das instalacións hidroeléctricas que remataran e rematen a concesión, destinando os beneficios da produción hidroeléctrica a abaratar o custo da electricidade” e a “fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor de acordo á lexislación de augas vixente na Galiza e no Estado español co fin de garantir que a enerxía reservada en favor das administracións públicas se destina a baixar o prezo da electricidade”.

O prezo da luz segue marcando máximos históricos e non está prevista unha baixada significativa até finais de 2022 ou comezos de 2023. Mentres os custos da electricidade se converten nun dos grandes problemas de familias e empresas, as grandes corporacións enerxéticas rexistran beneficios históricos. 

Neste sentido, resultan clarificadores os beneficios dos principais operadores eléctricos no primeiro semestre do ano, con Iberdrola declarando unhas ganancias netas de 1.531 millóns de euros, Endesa de 832 millóns de euros e Naturgy de 557 millóns de euros.

A situación non se explica sen a posición de poder das grandes corporacións eléctricas e sen a inacción das diversas administracións, que rexeitan intervir no mercado enerxético para conseguir un prezo da luz axeitado ás necesidades de particulares e empresas.

O prezo da luz triplicouse nun ano

Carril afirmou que a Galiza “atópase diante dun novo proceso de colonización enerxética”, que “no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes”. “Mentres se mantén moita xente na pobreza enerxética e comarcas enteiras da Galiza camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos de ningún tipo de reindustrialización, as grandes empresas eléctricas están a aproveitar a ocasión do negocio eólico para facer o seu lavado verde, sen ter previamente reparado a súa débeda ecolóxica nin resolto o impacto social xerado”, aseverou.

O dirixente da CIG destacou “o valor estratéxico para a Galiza do sector enerxético” e denunciou que “por decisións políticas, a Galiza foi especializándose na xeración de electricidade con enormes custos sociais e ambientais e sen poder tirar proveito desta actividade”. Nesta liña, destacou que “na Galiza exportamos, nos últimos anos, unha media de 30% en favor doutros territorios e do seu desenvolvemento económico, social e industrial mentres na Galiza fechan empresas, medra o desemprego e continua a emigración”.

Comentarios