A CIG chama a mobilizarse para "salvar o sector naval" da comarca de Vigo

A dirección de Barreras despide o delegado do sindicato no estaleiro
Alberto Gonçalves, Paulo Carril e Rafael Pérez presentando as mobilizacións en defensa do naval. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alberto Gonçalves, Paulo Carril e Rafael Pérez presentando as mobilizacións en defensa do naval. (Foto: Nós Diario)

A campaña da Confederación Intersindical Galega (CIG) en defensa do sector naval na comarca de Vigo entrou nunha nova fase após o despido do delegado sindical desa central no estaleiro de Barreras. Os responsábeis da organización anunciaron unha protesta polo despido do sindicalista para a segunda feira, 12 de xullo, diante das instalacións da compañía e unha manifestación para o 15 de xullo. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, situou onte esta mobilización “dentro do calendario reivindicativo de meses, en que denunciamos o declive do sector naval na comarca de Vigo e esiximos solucións para garantir o seu futuro. Á reivindicación de salvar o naval unimos agora a loita contra a represión sindical”.

O dirixente do sindicato nacionalista cualificou de “cóctel explosivo” a situación do sector naval en Vigo. Carril afirmou que “a crise do naval esténdese como a espuma dun estaleiro a outro. Falamos de Barreras, falamos de Vulcano, falamos de Metalships, aquí ninguén está a salvo tendo en conta a nula política industrial da Xunta da Galiza e tamén a falta de acción do Goberno do Estado no ámbito das súas competencias”.

Carril aseverou que a crise do naval se viu agravada pola actual normativa laboral. Unha reforma “que permite situacións como as que estamos a vivir”, afirmou en relación ao despido do delegado da CIG en Barreras, Rafael Pérez, “e que permite despedimentos nos cadros de persoal ou que se impoñan condicións de traballo das peores maneiras posíbeis nos centros de traballo”. Neste sentido, considerou  “escandaloso que siga en vigor” a reforma e reclamou a súa derrogación, na liña da campaña de mobilización desenvolta polo sindicato en parcería cos seus homólogos vascos e cataláns.

Convenio do metal

O máximo responsábel da CIG referiuse tamén ao convenio do metal de Pontevedra pactado entre a patronal, CCOO e a UXT. Carril definiuno como “outro ingrediente máis deste cóctel explosivo que afecta o sector naval” e lembrou a oposición ao mesmo da súa organización. Precisamente, a CIG desbotou este acordo por “representar unha nova traizón aos traballadores” e denunciou “a estratexia de CCOO e UXT de fechar en falso os convenios, facendo concesións que precarizan as condicións laborais e renuncian a dereitos históricos conquistados grazas á loita da clase traballadora”.

A central nacionalista aposta como alternativa para Barreras na “intervención pública”. Nesta liña, desde o sindicato denunciaron a “incapacidade do capital privado para pór en marcha as enormes potencialidades do sector naval” e afirmaron que “blindar o futuro desta actividade estratéxica esixe dotar a ría de Vigo dun estaleiro público ou semipúblico, na que toda achega de diñeiro público estea condicionada á participación directa na toma de decisións”.

“Non pode ser que a única preocupación do Estado e da Xunta sexan resolver os créditos a favor dos propietarios de Barreras sen que haxa un plan industrial”, concluíu Carril.

Despedimento do delegado da CIG en Barreras

O pasado 2 de xullo a dirección de Barreras procedeu a despedir o delegado da CIG no estaleiro, Rafael Pérez. Segundo o secretario da organización na comarca de Vigo, Alberto Gonçalves, o representante sindical “foi despedido por defender os dereitos dos traballadores e por reclamar un futuro industrial para a comarca” pero advertiu que “se pensan que nos van calar, están moi confundidos”.

Na mesma liña, Paulo Carril afirmou que “temos claro que se trata dunha acción represiva para intentar amedrentar e calar a quen están a defender a continuidade do emprego”. Pérez, a quen a compañía despediu acusándoo de abandono do posto de traballo e de ter facilitado o acceso ás instalacións a varios compañeiros no marco dunha protesta, sinalou que “alegan que cometín dúas faltas moi graves durante a ocupación do estaleiro, dúas cuestións absolutamente falsas que a empresa inventa para despedirme”.

Comentarios