Vigo intensifica as mobilizacións na rúa polo futuro do naval e contra a represión

A CIG convoca unha concentración para rexeitar o despido do seu delegado e unha marcha para reclamar solucións á crise do sector.

naval vigo cig
photo_camera De esquerda a dereita: o secretario comarcal, Alberto Gonçalves; o secretario xeral, Paulo Carril, e o traballador despedido, Rafa Pérez.

A CIG anunciou que nos vindeiros días intensificará as mobilizacións que está a desenvolver en defensa do naval vigués, reivindicación á que agora se suma a denuncia da represión sindical que se vive en Barreras tras o despido do delegado da central sindical no comité de empresa.

Así a vindeira segunda feira, día 12, desenvolverá unha concentración diante do estaleiro ás 11 horas para esixir a súa readmisión, mentres que a quinta feria15 convoca unha manifestación dende a Dobrada ás 19 horas en demanda de solucións para a grave crise que atravesa o sector.

Anunciouno esta quinta feira en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. O máximo responsábel da central sindical explicou que a manifestación fai parte do calendario de protestas que a CIG leva tempo desenvolvendo para alertar sobre o declive do sector naval e reclamar solucións que garantan a súa continuidade.

Carril incidiu en que a estas reivindicacións súmaselle agora a denuncia da represión sindical que se está a vivir en Barreras co despedimento do representante da central sindical no comité, ao que a empresa acusa de ser o responsábel da ocupación simbólica das instalacións do estaleiro por parte da CIG o pasado 27 de maio. “Temos claro que se trata dunha acción represiva para intentar amedrentar e calar a quenes estamos a defender a continuidade do emprego”, asegurou. Na mesma liña se expresou o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, que quixo deixar moi claro que “se pensan que nos van a calar están moi confundidos”.

O secretario xeral da CIG asegurou durante a súa intervención que a comarca de Vigo atópase inmersa nun “cóctel explosivo”, xa que á crise do naval estase a estender a boa parte dos estaleiros

Pola súa banda, o traballador despedido, Rafa Pérez, relatou que pasado día 2 a empresa comunicoulle o despido por correo electrónico e mediante un burofax no que tamén lle trasladan que ten o acceso restrinxido ás instalacións. “Alegan que cometín dúas faltas moi graves durante a ocupación do estaleiro, acción na que eu nin participei, aínda que me acusan de ser o responsábel de todo”, censurou.

Carril considera que este despido “significa ir máis alá do que semellaba posíbel”, e critica que a empresa botase man de “formas decimonónicas” para despedir un traballador “que representa a liña sindical máis reivindicativa e que destacou por esixir unha solución para o sector e en particular para a súa empresa”.

O secretario xeral da CIG asegurou durante a súa intervención que a comarca de Vigo atópase inmersa nun “cóctel explosivo”, xa que á crise do naval estase a estender a boa parte dos estaleiros (Vulcano, Barreras, Metalships, etc). “Aquí ninguén está a salvo, tendo en conta a nula política industrial da Xunta e a inacción do Goberno estatal”.

Reiterou ademais que para a CIG a única solución para Barreras pasa por unha intervención pública directa.  Para o responsábel sindical, a importancia de Barreras transcende a propia comarca de Vigo, até o punto de que é unha empresa fundamental para o sector naval galego

Comentarios