CIG advirte dun novo ERE do Santander nunha filial da Galiza e que pode derivar en 41 despedimentos

A central denuncia que o banco quere fechar o centro de Orillamar na Coruña, o único que fica na Galiza de prestación de servizos centrais.

ere banco santander poupular pastor imaxe da CIG

CIG-Banca alerta dun novo de recorte de emprego no Banco Santander, que esta cuarta feira abriu unha mesa de negociación dun ERE dentro do grupo que afecta á súa filial Santander Operaciones. Esta empresa ten un centro de traballo na rúa Orillamar da Coruña. O sindicato nacionalista sostén que a entidade quere fechar ese centro no que actualmente hai 41 persoas procedentes do antigo Banco Popular.

Rosa Conde, secretaria da sección sindical, lembrou que estes traballadores e traballadoras foran externalizados no ERE de servizos centrais de 2017. "Naquel momento a CIG xa dixo que este persoal podía ser perfectamente recolocado na rede comercial, pero o banco non o fixo. Estaba claro que a pretensión era pechar o centro (o único que queda na Galiza de prestación de servizos centrais) e desfacerse dos traballadores".

A CIG realizou esta quinta feira unha concentración diante dunha oficina do Banco Santander na Coruña en protesta polas presións que afirma que a entidade financeira está a exercer sobre o persoal para "instalo" a que se adhira ao ERE, incumprindo así o compromiso de respectar a voluntariedade como principio fundamental da adscrición. A central lembra que non asinou un ERE que supón o despedimento de 271 empregos na Galiza nunha empresa que obtén beneficios millonarios.

Comentarios