A cifra de afectadas polos ERTE na Galiza debuxa a realidade empresarial do país

PSA é a única das grandes empresas galegas por facturación cun ERTE en curso.
Planta de Finsa en Compostela (Arxina).
photo_camera Planta de Finsa en Compostela (Arxina).

O número de traballadoras e traballadores afectados por Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) na Galiza xa sobrepasan as 200.000. PSA é a única das grandes empresas galegas por facturación que ten en marcha un ERTE. Afecta a 7.400 empregadas da súa factoría de Vigo e salpica tamén a auxiliares coma Bosh, que activou así mesmo un expediente para as súas 1.300 traballadoras. Inditex, outro dos motores da economía galega, estivo a punto de activalo, mais decidiu dar marcha atrás a última hora

Pero o sector téxtil non está exento de baixas. Firmas como Adolfo Domínguez ou Bimba y Lola tiveron que recorrer a esta figura para mitigar o impacto do feche dos seus estabelecementos. Tamén se viron afectadas as empregadas de firmas como Mango, El Corte Inglés, H&M ou Primark que traballaban nas tendas destas marcas na Galiza.

O feito de que non haxa máis empresas con ERTE entre as que máis facturan débese fundamentalmente a que pertencen a sectores como o conserveiro (Calvo e Jealsa), distribución (Gadisa, Vegalsa e Froiz) ou alimentación (Coren, Pescanova, Hijos de Rivera), que van saír mesmo reforzados da crise provocada pola pandemia de coronavirus. 

Á cabeza do Estado español

Pese ao bo comportamento das grandes empresas, que teñen músculo financeiro para poder manter en nómina as súas empregadas, a realidade é que Galiza é o sexto territorio con máis traballadoras afectadas por ERTE, superado só por Catalunya, Andalucía, Madrid, País Valenciá e Canarias. Está por diante doutros como Euskadi, moito máis industrializado, e as Illes Balears, co turismo como motor da súa economía. 

Como destacaba a Nós Diario a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval, o tamaño das empresas galegas é unha das súas eivas fronte unha crise como a que estamos a vivir. 

Moitos dos ERTE estanse a producir en empresas de tamaño medio que traballan directa ou indirectamente para as grandes firmas. Algunhas delas reduciron a súa dependencia de multinacionais como PSA ou Inditex e mesmo abriron liñas de negocio noutros países que lles permiten seguir a operar, aínda que con moito menos persoal.

Á vista dos datos, o feito de non ter industrias máis potentes penaliza Galiza, igual que o fai a súa dependencia de sectores máis expostos a paróns, como o da construción no caso de Finsa, que activou un ERTE para 1.600 traballadoras das súas factorías. Hai excepcións, como a firma de aluminios Cortizo, que mantén a actividade sen prescindir de ningún dos preto de 3.000 traballadores do seu cadro de persoal.

O comercio e a hostalaría son os máis afectados polo feche, e tamén o medio de vida de moitas galegas. Só nos concesionarios de coches hai 6.500 afectadas. Arenal, a firma de perfumarías, ten un ERTE para as súas 828 traballadoras, e Adolfo Domínguez e Bimba y Lola teñen nesta situación ao seu persoal de tenda e dos servizos centrais.

A crise deixará polo camiño moitas pequenas empresas. A outras vailles tocar facerse máis grandes se queren sobrevivir nun mercado moito máis escaso.

Comentarios