O CEO de Ignis e fundador do partido PUM+J quere asociarse con Alcoa e o persoal estuda denunciar a empresa por "estafa"

O CEO de Alcoa, Bill Oplinger, pide ampliar a balsa de lodos da fábrica na Mariña e a Xunta autorízallo no mesmo día. Ignis ten de CEO Antonio Sieira, fundador do partido Por un Mundo Más Justo, e Luis Ángel Colunga foi director de desenvolvemento industrial de Ignis (2022-2023). Descubre a porta xiratoria que hai detrás.
Antonio Sieira, fundador do partido PUM+J, é o conselleiro delegado de Ignis. (Foto: Nós Diario)
Antonio Sieira, fundador do partido PUM+J, é o conselleiro delegado de Ignis. (Foto: PUM+J)

Pasaban as 23 horas da cuarta feira cando desde Pittsburgh (Estados Unidos de América) Alcoa Corporation emitía un comunicado sobre o avance nun posíbel “acordo de cooperación estratéxica” con Ignis Equity Holdings SL (Ignis EQT), accionista maioritaria do grupo empresarial Ignis para “apoiar o futuro das operacións" da fábrica de alúmina en San Cibrao, Cervo (A Mariña).

A xefatura da empresa en San Cibrao comezou neses intres a espallar o comunicado entre o persoal da quenda da noite. O acordo exposto pola empresa suporía que Alcoa achegaría 75 millóns de euros e Ignis EQT faría un investimento inicial de 25 millóns “para financiar as operacións”. A empresa explica que logo deste acordo, “Alcoa continuaría xestionando a operación en San Cibrao, e Ignis EQT tería unha participación de 25%”. Adicionalmente, até 100 millóns de euros serían financiados por Alcoa segundo as necesidades das operacións, cunha posición prioritaria nos futuros beneficios”. En caso de precisarse este financiamento adicional, Alcoa Corporation cubriría 75% e Ignis EQT 25%”.

As catro patas que sustentarían este acordo pasan pola consecución de 80 millóns de dólares do Goberno español en concepto de compensación pola redución de emisións de CO2, a axilización da autorización dos proxectos eólicos na zona, os permisos para ampliar a balsa de lodos vermellos e unha petición ao comité de empresa para “flexibilizar” o Acordo de Viabilidade asinado xa en varias ocasións cos traballadores. A cambio destas condicións, o CEO de Alcoa, Bill Oplinger, explicaba onte na presentación dos resultados da corporación en EUA que o acordo con Ignis podería “evitar o feche das fábricas que neste momento son tecnicamente insolventes”.

Pleno extraordinario do comité de empresa

O comité de empresa reunirase a primeira hora da mañá desta sexta feira para tratar o posíbel acordo entre Alcoa e Ignis e, segundo puido saber Nós Diario, a empresa citounos en Madrid a vindeira semana, o día 24, para informalos sobre esta operación. De momento, aos traballadores e representantes sindicais en Alcoa as cifras do avance deste acordo non lles cadran.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan (CCOO) remitiuse á reunión desta sexta feira sobre o asunto, e a un comunicado no que esta quinta feira o comité anunciaba que está estudando presentar contra Alcoa Corporation “unha denuncia polo penal por incumprimento por parte da empresa do acordo de viabilidade”. Logo de consultar expertos penalistas, consideran posíbel denunciar a empresa por supostos delitos de descapitalización, estafa e subtracción de bens.

Óscar Lara (CIG), membro do comité de empresa, explicou a Nós Diario que o que coñecen até agora do acordo “é raro, todo moi escuro”. Afirma que nas últimas horas “se filtrou algo do tema a través do alcalde de Xove”, Demetrio Salgueiro (PP) “andaba anunciando cousas”. Lara explica que “nós temos un plan de viabilidade asinado coa empresa”, polo que este posíbel acordo con Ignis soa a que “nos están convidando a cear e imos pagar nós”. Aseguran que “dá medo entrar nun proceso como o da Coruña e Avilés, asinámoslles un papel nunha manobra xurídica rara e despois xa sabemos o que pasa”.

Pola súa parte, o Ministerio de Industria fixo unha "valoración positiva" do principio de acordo de cooperación estratéxica alcanzado entre Alcoa e Ignis Eqt para "apoiar a continuidade" do complexo da multinacional en Cervo.

Alcoa solicita ampliar a balsa e a Xunta autorízao  no mesmo día

O CEO de Alcoa Corporation, Bill Oplinger, pedía onte permisos de ampliación da balsa de lodos da fábrica da Mariña. Horas despois, a conselleira María Jesús Lourenzá anunciaba que o proxecto de ampliación da balsa “ten a Declaración de Impacto Ambiental (DIA)” da Xunta, “nós cumprimos”. Explicaba que as novas exixencias de axilizar os permisos de eólicos na zona, reflectida no acordo entre Alcoa e Ignis, non ten que ver coas competencias da Xunta, e disparaba cara ao Goberno español porque “os eólicos dependentes da Xunta xa teñen DIA”.

Quen non ten eses deberes feitos é Alcoa. Comprometeu no plan de viabilidade un forno de ánodos “que garanta a actividade da industria”, pero os traballadores temen que os 200 millóns de investimento que Alcoa di que o acordo con Ignis garante en San Cibrao, suporá que a empresa queira meter “a man na caixa” da garantía dese acordo para dar entrada a un grupo enerxético. Ignis ten de CEO Antonio Sieira —fundador do partido Por un Mundo Más Justo— e a familia Sarasola no accionariado, con Borja Sarasola, ex conselleiro do presidente madrileño Ignacio González, imputado na Púnica. Luis Ángel Colunga foi director de desenvolvemento industrial de Ignis (2022-2023) e despois comisionado especial para o PERTE que reparte os fondos públicos a empresas para a Descarbonización. Vén de anunciar que deixa o cargo no Ministerio.

Comentarios