Alcoa pasa a factura: bota á rúa preto de 800 traballadores

Golpe mortal á economía do norte galego.
Membros do Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Membros do Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao (Carlos Castro / Europa Press).

O complexo industrial de Alcoa é un dos grandes motores económicos da Galiza. A factoría, instalada nos concellos mariñaos de Xove e Cervo, representa máis de 30% de Produto Interior Bruto (PIB) da provincia de Lugo, xera arredor de 1.143 empregos directos e 500 indirectos e a súa incidencia chega ao conxunto da actividade económica da zona. O centro de traballo, promovido polo Instituto Nacional de Industria (INI) na segunda metade da década dos 70 do século pasado e vendido polo Goberno de Aznar á multinacional estadounidense Alcoa a mediados dos 90, está formado por dúas fábricas dedicadas á produción de alumina e aluminio.

A planta de alumina ocupa a 510 persoas e o seu capital é partillado en 60% por Alcoa España e en 40% pola empresa australiana Westminer Acquisition. A factoría dedícase á produción de alumina mediante a transformación da bauxita procedente das minas de Alcoa en Guinea Conakry, presentando uns resultados positivos nos últimos anos e non atopándose actualmente nunha situación crítica.

Ás 534 persoas de aluminio que botan á rúa hai que sumar a máis de 250 das empresas auxiliares que traballan nos departamentos que van fechar

A fábrica de alumino emprega outra metade do cadro de persoal do complexo de San Cibrao. O centro de traballo, propiedade na súa totalidade de Alcoa España, ten unha capacidade de produción de máis de 250.000 toneladas de aluminio ao ano, destacándose durante moito tempo como unha das factorías máis rendíbeis do grupo, até o punto de ser significada pola dirección da multinacional como exemplo de eficiencia.

As crises do aluminio

A dirección da empresa e a representación sindical manifestaran nos últimos tempos dúbidas sobre a continuidade da factoría de aluminio de San Cibrao. A esta sensación contribuía a falla de interese da compañía por acometer novos investimentos que garantiran o futuro, a propia situación do mercado mundial que repercutía na conta de resultados da multinacional e as particulares circunstancias da industria electrointensiva no Estado español. Así as cousas, a planta da Mariña presentaba números negativos nos seus últimos exercicios contábeis, declarando perdas de 58 millóns de euros en 2018 e 63 millóns de euros en 2019.

Alcoa xa adoptara medidas destinadas á redución da produción na Mariña, que provocaron unha perda de emprego nas súas empresas auxiliares. Ao longo de 2019 baixou a súa actividade en 11% após fechar diferentes series das cubas de electrólise, anunciando o pasado mes de abril novos retallos de produción e a paralización de determinados traballos de mantemento, o que levou as súas auxiliares Reymogasa e Cirgasa a presentar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) para 50 traballadoras e traballadores. “Alcoa comeza a deixar morrer a fábrica”, sinalaba a sección sindical da CIG ao coñecer esta decisión, moi crítica cunha medida que representaba outra caída da produción de 10%.

Un novo sinal sobre as intencións da compañía producíase tras anunciar o conselleiro delegado de Alcoa, Roy Harvey, un plan de desinvestimentos a nivel internacional. Así, o pasado mes de xaneiro, após recoñecer perdas na multinacional por un monto de 1.088 millóns de euros adiantaba un plan de revisión e axuste dos seus activos durante cinco anos e “desinvestimentos de activos non competitivos, actualizando os acordos laborais en tres países, implantando un novo modelo operativo e avanzando no proceso de avaliación de activos que anunciamos no anterior trimestre”.

A sorte semellaba botada para unha fábrica que padecía o seu particular calvario derivado do actual marco eléctrico existente no Estado español para as grandes consumidoras de enerxía. A factura da luz representa 41% dos custos totais de actividade da factoría mariñá, cun consumo enerxético practicamente equivalente á metade do total galego e, por conseguinte, moi sensíbel a calquera oscilación no seu prezo e a falla dunha normativa estábel. Neste sentido, as dilacións do Executivo estatal en aprobar o Estatuto das empresas electrointensivas é unha das razóns esgrimidas pola multinacional para esta decisión.

Alcoa é un dos grupos empresariais que máis axudas públicas recibe do Goberno do Estado. Segundo as cifras achegadas polo Ministerio de Industria, a multinacional estadounidense vai percibir nos últimos 10 anos arredor de 1.000 millóns de euros en subsidios estatais, destacando 121 millóns en 2015, 125 millóns en 2016 e 157 millóns en 2017. Nos últimos exercicios, a compañía suma ás subvencións procedentes das poxas para os grandes consumidores eléctricos promovidos polo Estado, achegas para bonificar os custos das emisións de CO2.

O drama social e laboral

A decisión adoptada onte pola multinacional representa un golpe moi duro para a economía do norte galego. A proposta da empresa contempla manter a actividade na factoría de alumina e paralizar a actividade nos departamentos de electrólise, eléctrodos e anexos da planta de aluminio, ficando só en funcionamento dentro da mesma a parte de fundición. Segundo indica a dirección da empresa á representación sindical, o seu obxectivo é fabricar entre 70.000 e 80.000 toneladas anuais de tocho de aluminio, se ben desde o comité de empresa desconfían das intencións da compañía e dubidan de que a fábrica este preparada para levar adiante eses traballos.

As consecuencias laborais das medidas anunciadas por Alcoa son moi graves. Así, a dirección da compañía ao dar conta “do inicio dun período de consultas para un despido colectivo” sinala que “este proceso afectaría potencialmente a 534 traballadoras” porén as cifras reais son moito máis elevadas. Nesta liña, desde a representación sindical apuntan a preto de 800 operarias despedidas, “xa que ás 534 persoas de aluminio que botan á rúa hai que sumar a máis de 250 das empresas auxiliares que traballan nos departamentos que van fechar”.

No mesmo sentido, non descartan novos despedimentos en cuestións de meses, na propia planta de aluminio. O presidente do comité de empresa José Antonio Zan cargou contra a dirección de Alcoa, cualificou a postura da empresa como “arbitraria, desproporcionada e vergoñenta respecto das traballadores”, e considerou “factíbel e viábel” a nacionalización da planta que “debe estar como primeira opción enriba da mesa”.

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou que “non vai consentir ningunha medida de axuste da produción ou do emprego na fabrica de San Cibrao” e defendeu a volta ao sector público da produción primaria de aluminio. UXT apostou, tamén, pola intervención estatal de Alcoa , incluíndo a planta de aluminio como de alumina, após “as continúas chantaxes dos últimos anos”.

A Mariña pide solucións

O tecido social e económico da zona atópase en pánico após coñecer a decisión. A este respecto, desde as asociacións de comerciantes destacan o gran número de autónomas cuxa actividade depende de modo indirecto de Alcoa, con especial incidencia en sectores como o transporte, a hostalaría e o comercio retallista.

“De Alcoa comemos todas”, sinala o alcalde de Foz e presidente da mancomunidade da Mariña, Francisco Cajoto nunha chamada aos rexedores da comarca para facer unha fronte común en defensa do emprego na factoría de San Cibrao. A sociedade da Mariña e a representación sindical demandan das diversas Administracións medidas para evitar o desmantelamento da factoría de aluminio. Así, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, sinalou que “coñecemos os problemas estruturais que ten Alcoa”, esixiu a multinacional “corresponsabilidade”, destacou as “moitas axudas públicas recibidas” por esta e chamou a empresa a reconsiderar a súa proposta.

A Xunta da Galiza non semella disposta a asumir as súas responsabilidades en relación con Alcoa. O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo aproveitou para cargar contra o Goberno do Estado que “tivo máis dun ano para evitar o feche e non o fixo, malia as súas promesas” porén non avanzou ningunha medida do Executivo galego para manter os postos de traballo nin solicitou á multinacional paralizar os despedimentos.

Comentarios