Análise

Caos no plan enerxético ou planificación do caos enerxético?

Parque eólico en Dumbría, na comarca de Fisterra. (Foto: Roi Sande)
O membro do Colectivo de Debate Enerxético Bidán Quico da Silva analiza para 'Nós Diario' as eivas do plan enerxético.

Hai uns anos, unha coñecida revista científica iniciaba unha nova sección  titulada "Por favor, explique", na que un premio Nobel de Física respondía ás preguntas das lectoras; logo de oito anos, publicouse un libro coas primeiras 100 preguntas e as respostas de Asimov. Seguro que unha formulación similar sobre a enerxía daría para moitos libros.

Poderíase interpelar se os permisos de acceso á rede dos proxectos eólicos dende 2013 e sen autorización administrativa a día de hoxe corresponden a algunha planificación coñecida, pregunta que debería responderse sinalando que é o resultado dun deseño estratéxico das empresas do sector, abrazo no Obradoiro e portas xiratorias político-enerxéticas polo medio, para situarse nos emprazamentos de máis recurso eólico que existen na Galiza froito do "parón eólico galego" rexistrado dende 2009. 

Unha resposta similar, con máis carga político-administrativa, tería a coexistencia do Real Decreto-lei 23/2020, que fixa nuns 30 meses o prazo máximo para a obtención, e, polo tanto, para a tramitación da declaración de impacto ambiental (DIA) dos proxectos eólicos, co procedemento exprés dos 120 expedientes resoltos e dos que quedaron sen avaliar. 

Outro interrogante podería ser o das consecuencias do regulamento europeo 2022/2577 e do Real Decreto 20/2022, que avalan a exención, na práctica, da necesidade da DIA para os proxectos de instalacións de enerxía renovábel non situados en Rede Natura 2000 ou en espazos naturais protexidos e no medio mariño.

Resulta necesario planificar e desenvolver a enerxía eólica con visión de país

O dano é moi grande, pois Galiza ten o menor territorio protexido pola Rede Natura 2000, 3.460 km2, pero é das primeiras en recurso eólico, con máis de 3.700 horas equivalentes e, segundo o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), 2.300-2.500 horas de funcionamento con vento superior aos 6 m/s a 80 m de altura, e unha superficie dispoñíbel de 10.373 km2, o seu 35% non protexido, pero con hábitats e elementos patrimoniais merecedores dela.

Enerxía e clima

Tamén se poden observar "pequenas" cuestións con resposta político-empresarial inconfesábel: un plan sectorial eólico obsoleto e sen unha avaliación ambiental estratéxica obrigatoria, que non rexe cando se trata de informar de xeito favorábel sobre proxectos amparados pola excepcionalidade, fóra de ordenación, de subministro de electricidade a industrias paralizadas que adían a súa posta en marcha máis do previsto ou a outras co anuncio non garantido de instalarse.

Ou a de que o mecanismo de concurso regulado polo Real Decreto 960/2020 para obter un prezo "xusto" pola electricidade xerada sexa non só o menos utilizado senón que, cando se fai uso del, o prezo medio garantido aumenta o 40% a respecto da anterior poxa chegando aos 42,4 €/MW, cando, segundo o profesor Eloy Sanz, dende os 25 €/MW xa se obteñen beneficios. 

Ou a posibilidade da declaración de utilidade pública e, polo tanto, o uso da expropiación con pagos ridículos que non contemplan o potencial eólico dos terreos e os importantes e duradeiros beneficios derivados, aínda que os proxectos excedan o previsto na planificación estatal (Pniec).

É un caos enerxético planificado nun contexto de electrificación masiva, no que, se atendemos ao importante, é fulcral chegar a un acordo do modelo socioeconómico sustentábel para as próximas décadas no marco imposto do Pniec, partindo da nosa realidade de dependencia enerxética pero exportadora neta de electricidade e da nosa potencialidade na xeración eléctrica de orixe renovábel asumindo a necesidade do almacenamento, e definir, para cada fase, o PIB e o Índice de Desenvolvemento Humano a acadar, nivel de intensidade enerxética en cada sector, grao de eficiencia e aforro, cantidade de enerxía necesaria e a destinada a exportación coas súas contraprestacións, etc.

Tal modelo e a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 serían piares para a redacción dun Plan galego de enerxía e clima, ao igual que noutras comunidades, como Estremadura. Así, sería posíbel elixir as tecnoloxías máis acaídas e os lugares da súa instalación, minimizando ao máximo os efectos negativos non desexados que toda instalación de xeración de enerxía eléctrica provoca a día de hoxe.

É cuestión de planificar e desenvolver con visión de país, para o que é precisa vontade política-sindical e acompañamento social. Ou iso ou o caos con intereses alleos aos da Galiza.