Os candidatos a presidir a CEG queren acabar coas leas no empresariado

José Manuel Díaz Barreiros e Pedro Rey postúlanse a presidir a patronal galega, que leva dous anos sen presidente.
A CEG celebrará eleccións o vindeiro 24 de novembro (arquivo).
photo_camera A CEG celebrará eleccións o vindeiro 24 de novembro (arquivo).

O ourensán José Manuel Díaz Barreiros preséntase como candidato a presidir a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) co obxectivo de lograr "o consenso" da institución, xa que o principal problema é "a desunión", "algo a evitar".

Así o adiantou nunha rolda de prensa na que expuxo as súas motivacións para concorrer ás eleccións do vindeiro 24 de novembro, ás que se presenta co apoio unánime da Confederación de Empresarios de Ourense, aínda que conta con sumar máis axudas nos próximos días. 

Na súa intervención apostou por devolver á CEG a imaxe "como un faro que ilumine todos os empresarios" potenciando o ámbito social, cunha maior proxección a través de redes sociais, e tamén impulsando a educación empresarial.

"É fundamental que desde nenos se ensine a ser empresario", afirmou.

Posíbel adversario 

Os anteriores procesos electorais quedaron desertos, mais desta vez mesmo podería haber máis dun candidato. Xunto ao nome de Díaz Barreiros xorde o do vigués Pedro Rey, presidente da Confederación Española de Empresas de Formación, que se presentará "sempre que haxa consenso". "Non veño enfrontarme, veño unir e a multiplicar", subliña. 

Asegura buscar "a integración de confederacións e sectoriais", un dos enfrontamentos que bloqueou a patronal galega durante os últimos anos.

Ademais, séntese "apoiado" polas confederacións de Pontevedra e A Coruña, após falar con Jorge Cebreiros e Antonio Fontenla, respectivamente, que por outra banda foron os protagonistas do cisma na patronal galega.

Comentarios