Produtores de mexillón critican ante o Parlamento o trato da Xunta ao sector

Denuncian que a Consellaría do Mar acotou as zonas para a extracción da mexilla "sen explicación algunha".
Produtores de mexillón protestan ás portas do Parlamento coincidindo co acto de investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta (Foto: Riobó Prada).
photo_camera Produtores de mexillón protestan ás portas do Parlamento coincidindo co acto de toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta (Foto: Riobó Prada).

O sector do mexillón concentrouse este sábado ante o Parlamento galego para denunciar as restricións impostas pola Xunta "sen explicación ningunha" á extracción de mexilla ─cria do mexillón─ para o seu posterior cultivo nas bateas.

A forte presencia policial impediu as persoas manifestantes achegarse á Cámara galega, onde Alfonso Rueda estaba a tomar posesión como novo presidente da Xunta da Galiza. De feito, tivéronse que limitar a ocupar as partes superior e inferior da rúa do Hórreo, onde fixeron soar chifres e vuvuzelas ao paso dos coches oficiais.

Tal e como explicou o presidente da Asociación Arousa Norte, Alejandro Tubío, cando comezou a campaña deste ano, a Consellería  do Mar, "sen dicir nada", acoutou a maior parte das zonas baseándose en informes que, segundo indica, "non son reais nin se poden comprobar".

Asegura ademais que ela ten outros que, "efectivamente, demostran que hai zonas nas que se pode coller sen comprometer ningún outro cultivo, prexudicando seriamente a actividade sen explicación ningunha". 

Pola súa banda, o presidente da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega), Ricardo Herbón, apuntou que "a xente está indignada; prometéuselle a apertura de zonas a principios de abril e a día de hoxe seguen sen abrir".

Explican que a viabilidade das súas explotacións depende de que poidan abastecer de mexillóns os cultivos. "Agora mesmo estamos miles de familias no aire, sen poder abastecer ás bateas e sen ter ningunha explicación", lamentou Tubío, que comentou ademais que se están vendo afectados ao redor de 9.000 autónomos, que soben até os 16.000 se se ten en conta aos traballadores por conta allea. "E falamos só dos que dependen directamente; logo hai outras industrias secundarias", puntualiza.

Dese o sector non entenden a actitude da conselleira, Rosa Quintana, e insisten en que "se non se pon a semente nas bateas, haberá unha diminución na produción que se verá reflectida nas próximas colleitas". "Despois seguramente nos botemos as mans á cabeza, pero será un pouco tarde", advertiu Herbón.

Comentarios