A burbulla do hidróxeno verde inchada con fondos públicos estoupa na Galiza

Foi presentado polas compañías enerxéticas e mais polas autoridades comunitarias, estatais e galegas como o vector máis fundamental no contexto do aceleramento do proceso de transición enerxética comezado á volta de 2020. Porén, o groso das iniciativas do hidróxeno verde están hoxe paralizadas.

nos0704p_mosaico
O presidente de Acciona, José Manuel Entrecanales; o CEO de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, e o CEO de Repsol, Josu Jon Imaz. (Foto: Europa Press)

O hidróxeno verde foi presentado nos últimos anos como un vector chave para a descarbonización da economía. A Comisión Europea, os Gobernos dos Estados comunitarios e, sobre todo, as grandes corporacións enerxéticas aproveitaron o escenario aberto en 2020 pola Covid-19 para impulsar diversas iniciativas neste ámbito, destinando á súa promoción inxentes cantidades de diñeiro público. Neste sentido, a Unión Europea (UE) preveu que no ano 2050 o hidróxeno verde representaría 14% do 'mix enerxético' comunitario e estimou, aliás, un investimento total no período de dous billóns de euros.

O programa Next Generation, aprobado pola Comisión Europea en xullo de 2020 cunha dotación total de 750.000 millóns de euros, converteuse no principal instrumento para impulsar o hidróxeno verde no espazo comunitario. Sen ir máis lonxe, o Goberno do Estado destinou 55.000 millóns destes fondos, 37% do total, a subvencionar as iniciativas neste ámbito das compañías enerxéticas, malia as advertencias por sectores da comunidade científica de que non se trataba dunha tecnoloxía madura. Neste contexto, xeráronse centos de proxectos no ámbito estatal, á maioría dos cales renunciaron os seus promotores nos últimos meses.

Un exemplo paradigmático disto é a planta de hidroxéneo verde impulsada por Repsol en Puertollano, en Castela-A Mancha, a máis grande todas as proxectadas no Estado, cunha capacidade de 39.111 toneladas anuais, un investimento proxectado de 150 millóns de euros e axudas públicas concedidas por máis de 30 millóns de euros. Así, en xullo de 2025, o conselleiro delegado da empresa promotora, Josu Jon Imaz, anunciou a renuncia da compañía a executala, cuestionando a viabilidade económica deste vector enerxético. Nesta liña, afirmou que "o hidróxeno verde non será competitivo até que a electricidade custe 10 ou 15 euros. E iso non ocorrerá na próxima década".

Galiza non ficou á marxe da burbulla do hidróxeno verde. Sen ir máis lonxe, en xaneiro de 2022, o director do Instituto Enerxético da Galiza (Inega), Juan Ignacio Rodríguez, confirmou a existencia de 72 proxectos neste ámbito no país, impulsados por 59 promotores diferentes. Finalmente, foron presentados diante do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) 42 proxectos de hidróxeno verde, cun investimento total de 820 millóns de euros, que aspiraban a axudas públicas por unha contía de perto de 400 millóns de euros. As iniciativas estaban ligadas a diversos elos da cadea de valor, desde a produción até o consumo no ámbito industrial.

Un dos proxectos máis ambiciosos no ámbito do hidróxeno verde na Galiza estaba promovido pola multinacional danesa Maersk, que pretendía erguer unha planta de produción deste vector enerxético na Coruña para fornecer as súas embarcacións cun investimento de 6.000 millóns de euros. A iniciativa, que implicaba aumentar a potencia eólica do país en 4.000 megawatts, naceu apadriñada polo presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, e estaba condicionada a lograr axudas públicas por unha contía de 3.000 millóns de euros. Na mesma orientación, o Executivo galego, que dirixe Alfonso Rueda, impulsou ducias de proxectos.

A Xunta da Galiza destacou pola súa aposta por este vector enerxético. Neste contexto promoveu a Alianza industrial galega do hidróxeno, un instrumento de colaboración público-privada que ten como obxectivos a produción de 10.000 toneladas de hidróxeno verde para 2030 e a creación de 4.000 empregos nese período. Porén, a esta altura non está en funcionamento ningún proxecto neste ámbito, renunciando ducias de empresas ás iniciativas presentadas no seu momento diante do Miteco.

Só oito en tramitación

A burbulla do hidróxeno verde, tamén, estoupou na Galiza. Neste momento, atópanse en tramitación no país oito proxectos, tres deles na comarca da Coruña, con Ignis, Repsol e Acciona como promotores. O primeiro busca erguer dúas plantas de hidróxeno verde, cun investimento de 385 millóns, dos cales 129,4 millóns proceden de axudas públicas. O segundo, impulsado por Repsol, conta cunha subvención de 40 millóns de euros e o terceiro, dirixido por Acciona, emprazaríase no polígono industrial de Morás, no municipio de Arteixo.

A multinacional Iberdrola e a compañía galega Finsa, a través da súa filial química Foresa, promoven dous centros de produción de hidróxeno verde, cun investimento total de 500 millóns de euros e axudas públicas por máis 120 millóns de euros. Un, emprazado en Begonte (A Terra Chá), prevé producir 100.000 toneladas anuais de metanol verde a partir de 20.000 toneladas de hidróxeno. Outro, instalado no concello de Caldas de Reis aspira a xerar a mesma cantidade do vector enerxético.

Triskelion, impulsado en Mugardos (Ferrolterra) por Forestal do Atlántico, Reganosa nas Pontes (comarca do Eume) e Julio Verne, impulsado en Vigo polo Consorcio da Zona Franca, son os outros proxectos de hidróxeno verde vivos na Galiza.

Outro novo fracaso do capitalismo verde

O hidróxeno verde constitúe un piar central do que uns coñecen como New Deal Green e outros denominan como capitalismo verde. O mesmo caracterízase por crear novos nichos de negocio en actividades ligadas ao proceso de transición enerxética, presentándoos como sustentábeis desde o punto de visto ambiental e responsábeis desde a lóxica económica. Porén, atenden a necesidade de expansión permanente do capital e á dinámica especulativa que rexe o funcionamento das formacións sociais como
a galega.

As dúbidas sobre o hidróxeno verde non son novas. A este respecto, o catedrático de Bioloxía, Ramón Varela, leva anos cuestionando este vector enerxético e alertando da falta de madurez da tecnoloxía. Nesta dirección, explica a Nós Diario que "a súa produción require grandes cantidades de auga, como mínimo requírense novo litros de auga porcada quilogramo de hidróxeno producido. Asemade, advirte do "alto consumo eléctrico".

Varela apunta que "falta mercado e a produción ten alto custo". Neste sentido, destaca que "o custo de produción é importante, un quilogramo de hidróxeno está entre 3,5 e 7 euros". Ao tempo, a Axencia Internacional da Enerxía alerta da "falta de mercado".

Comentarios