Stellantis anuncia a suspension temporal da quenda da fin de semana

A compañía prevé reunirse nos próximos días cos sindicatos para determinar como afrontar a parada da produción do sistema 2, o que monta as furgonetas, na fin de semana.
O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas (Foto: Stellantis).
photo_camera O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas (Foto: Stellantis).

A chamada crise dos 'microchips' segue a causar estragos na planta que o grupo automobilístico Stellentis ─froito da fusión de PSA e FCA─ ten en Vigo. Se a semana pasada a dirección anunciaba unha nova semana de paros no sistema 2, o que monta as furgonetas, agora vén de avanzar a suspensión "temporal" da quenda do fin de semana ante o problema de subministración de compoñentes.

A dirección da planta reuniu esta segunda feira o comité de empresa para informarlle da decisión que afecta á quenda da fin de semana, tamén chamada cuarta quenda, e que se manterá "en tanto en canto as circunstancias actuais non permitan a continuación da súa actividade", algo que fontes próximas á compañía sitúan xa no mes de outubro.

Con esta medida, explica a dirección, a empresa prevé adecuar a actividade produtiva á situación actual e manter un calendario de traballo "máis regular", algo que desde os sindicatos agardaban que tivese feito durante o período de vacacións

De feito, os traballadores e traballadoras do sistema 2 están a ser os máis afectados, xa que desde a volta das vacacións non xuntan nin dúas semanas traballadas, o que lles está a pasar factura especialmente ás persoas con contratos temporais. 

Nova negociación

A empresa, que xa ten en marcha un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) para facer fronte a estes contratempos na produción, anunciou que nos próximos días iniciará un novo proceso de negociación cos sindicatos "para xestionar as necesidades asociadas" a esta suspensión de actividade e para concretar a data desde a que se paralizará esta quenda.

A quenda da fin de semana do sistema 2, que monta os monovolumes e as furgonetas de Opel, Peugeot, Citroën e Toyota, dá traballo a unhas 700 persoas e, segundo avanzou a dirección, a empresa estudará a situación de cada un dos seus contratos. A pesar de que a negociación aínda non se iniciou, a dirección prevé estabelecer medidas "non traumáticas" e aplicar os mecanismos de flexibilidade internos da planta "sempre que sexa posíbel".

Porén, o persoal xa esgotou parte dos días que lles corresponderían por outros conceptos nas paradas que se veñen producindo nos últimos meses, o que deixa a compañía pouca marxe de manobra.

Comentarios