Bruxelas multa unha firma sueca por pactar prezos con Abengoa cando Borrell era un dos altos cargos da empresa

Josep Borrell foi nomeado presidente do consello asesor internacional da compañía, o que lanza as sospeitas sobre o seu coñecemento destes actos.
O xefe da Diplomacia da UE, Josep Borrell. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera O xefe da Diplomacia da UE, Josep Borrell. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A Comisión Europea anunciou esta quinta feira unha multa de 47,7 millóns de euros á compañía sueca Lantmännen ek för e ás súas filiais por participar de maneira continuada entre 2012 e 2014 nun cartel europeo xunto á española Abengoa para manipular os índices de referencia do etanol publicados por unha axencia de notificación de prezos.

O caso remóntase a decembro de 2015, cando os servizos comunitarios abriron unha investigación en profundidade para aclarar se un grupo de empresas do sector contactaban de maneira regular coa intención de influír artificialmente na flutuación dos prezos, subíndoos ou evitando que caesen.

Bruxelas xa impuxo en 2021 unha multa de 20 millóns de euros a Abengoa por estas prácticas anticompetencia. No período de actuación deste cartel, o Alto Representante da Unión Europea (UE) para Asuntos Exteriores, Josep Borrel, era conselleiro de Abengoa, cargo que comezou a ocupar en 2009. Un ano despois, Borrell foi nomeado presidente do consello asesor internacional da compañía, o que lanza as sospeitas sobre o seu coñecemento destes actos.

Ademais, posteriormente, o actual xefe da Diplomacia da UE foi multado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) por vender accións de Abengoa con información privilexiada cando aínda era conselleiro da empresa, en 2015.

Adquisicións das accións

Precisamente esta quinta feira, os accionistas de Cox Energy, a única empresa que cotiza á vez nas bolsas española e mexicana e que xa ten o control maioritario de Abengoa, deron luz verde á adquisición de 100% das accións do capital social dos activos de enerxía de Abengoa.

Comentarios