Bruxelas e Mercosur avanzan nas negociacións mentres o Goberno francés busca selar un veto
O vicepresidente económico da Comisión Europea e tamén responsábel de Comercio, Valdis Dombrovskis, insistiu esta quinta feira en que seguen adiante as negociacións cos Estados de Mercosur para tratar de fechar o acordo de libre comercio canto antes, aínda que evitou pór prazos para a conclusión deste pacto, nun momento no que Gobernos como o francés buscan paralo e outros como o polaco ou o belga expresaron dúbidas.
"En todo caso, as negociacións seguen en marcha, facemos avances, mais non porei prazos específicos agora", dixo Dombrovskis á súa chegada a unha reunión cos Executivos da Unión Europea (UE) coas negociacións cos Estados do Cono Sur e outras rexións na axenda.
Pola súa parte, a secretaria de Estado de Comercio, Amparo López Senovilla, defendeu á súa chegada ao encontro a importancia de fechar o acordo que se negocia desde hai máis de dúas décadas e que está en punto morto a pesar de terse anunciado en 2019 un principio de acordo entre as partes.
Poucos días para a rolda de negociacións no Brasil
A poucos días de que decorra unha nova rolda de negociacións a nivel técnico en Brasília –a capital do Brasil–, López Senovilla afirmou que espera que se poida fechar "antes de novembro" a declaración conxunta que negocian as partes para engadir salvagardas ambientais ao pacto redactado e tamén que se produzan "avances substanciais en decembro".
Porén, a ministra francesa de Asuntos Europeos e encargada de Comercio, Sophie Primas, adiantou que tratará de "convencer" o resto de Gobernos da UE de que o acordo con Mercosur debe ser rexeitado "no estado no que está".
Neste sentido, o ministro de Exteriores luxemburgués, Xavier Bettel, avisou de que "non está tan seguro" que se feche porque faltan "garantías" de protección para a agricultura e para as usuarias.
