A base mínima de cotización do persoal autónomo oscila de 200 a 590 euros mensuais

O modelo vixente consta de 15 tramos de renda.
29-12-2022 Comercio Tradicional-5
Comercio tradicional en Compostela. (Foto: Arxina)

Os traballadores e traballadoras por conta propia que coticen pola base mínima do réxime especial de traballadores autónomos (RETA) pagarán este ano á Seguridade Social cotas mensuais que irán desde  200 a 590 euros mensuais, dependendo dos seus rendementos netos. Neste sentido, as cotas polas que pagarán en 2026 son da mesma contía que as aplicadas no pasado exercicio, unha vez que o Goberno do Estado decidiu conxelalas para 2026 á espera de alcanzar un acordo coas organizacións de autónomos e os axentes sociais para cumprir co obxectivo de que o colectivo cotice en función dos seus ingresos reais.

Mudanzas

O novo sistema de cotización do persoal por conta propio, acordado entre o Executivo estatal e as entidades representativas do sector, arrincou a principios de 2023 e conta cun período de transición de nove anos, até 2032. O modelo de tributación consta de 15 tramos de cotas que en 2024, tomando como referencia a base mínima, oscilaron entre 225 euros e 530 euros ao mes e que en 2025 ficaron entre 200 a 590 euros mensuais, as mesmas cantidades que pagarán este ano. Asemade, as persoas adscritas ao RETA teñen a posibilidade de cambiar de tramo cada dous meses, cun total de seis cambios ao ano, para adaptar a súa cotización ás previsións de ingresos en cada época do ano e da súa actividade profesional.

Os rendementos netos calcúlanse deducindo dos ingresos todos os gastos producidos no exercicio da actividade profesional e necesarios para a obtención de ingresos do autónomo. Sobre esa cantidade, aplícase adicionalmente unha dedución por gastos xenéricos do 7%, sendo este resultado a cifra que determinará a base de cotización e a cota correspondente. Ao final do exercicio fiscal e unha vez coñecidos os rendementos netos anuais, regularizaranse as cotizacións, devolvéndose ou reclamándose cotas no caso de que o tramo de rendementos netos definitivos estea por baixo ou por encima do indicado polas previsións durante o ano.

IRPF

O novo sistema de cotización obriga todas aquelas persoas que estivesen dadas de alta como autónomos, aínda que só sexa por un día, a presentar  o imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

Comentarios