O Banco de Alimentos de Lugo recibe 2.000 euros de Caixa Rural Galega polas achegas do "Día Solidario"
O Banco de Alimentos de Lugo recibiu un cheque por importe de 2.000 euros de mans de Caixa Rural Galega, correspondente ás achegas recadadas durante o "Día Solidario", iniciativa promovida polo Grupo Caja Rural coincidindo cada ano coa Volta Ciclista.
A presidenta do Banco de Alimentos, Amadora Núñez, recolleu o donativo acompañada polo director comercial de Caixa Rural Galega, José Manuel López Marcos, e por Tatiana Sacedo, do departamento de Márketing. A doazón forma parte do compromiso social do Grupo, que destina o 20% do importe das pólizas comercializadas nesa xornada a proxectos solidarios e comunitarios.
Durante a visita, Amadora Núñez amosou as instalacións e explicou a labor que desenvolve a entidade, que conta cun numeroso equipo de voluntarios e voluntarias de diferentes nacionalidades. A presidenta destacou que o traballo do Banco de Alimentos resulta "imprescindíbel para moitas persoas en situación de vulnerabilidade", que dependen destas axudas para cubrir unha necesidade básica como é a alimentación.
O Día Solidario é xa unha cita consolidada no calendario do Grupo Caja Rural, que colabora con asociacións e organizacións locais para garantir que as axudas cheguen directamente a quen máis as necesitan. Xunto á iniciativa da Bicicleta Solidaria, o proxecto reforza o compromiso social do equipo ciclista Caixa Rural–Seguros RGA, recoñecido como o máis solidario do pelotón, e converte a solidariedade nun "selo de identidade do grupo financeiro".

