A banca expatriou 34.964 millóns de aforro galego ao longo de 2024 a outras partes do Estado

O aforro succionado polo sistema financeiro marca máximos históricos, ao superar os 34.964 millóns de euros. (Fonte: Banco de España / Táboa: Nós Diario)

O Banco de España publicou onte os datos de depósitos e créditos na Galiza. O aforro succionado polo sistema financeiro no país nos primeiros nove meses do ano situouse en máximos históricos, ao superar os 34.964 millóns de euros, 2.369 millóns máis que no mesmo período do pasado exercicio.

As entidades bancarias con actividade na Galiza expatriaron 34.964 millóns de euros nos primeiros nove meses de 2024. Segundo os datos achegados onte polo Banco de España, a succión do aforro galego volve marcar máximos históricos a 30 de setembro, fechando cunha contía superior a toda a serie. A este respecto, as últimas cifras do regulador bancario estatal certifican unha aceleración do proceso de drenaxe do aforro galego ao longo de 2024 a un ritmo até agora descoñecido.

A contía do aforro drenado polos operadores financeiros dá conta do seu impacto no tecido económico galego. A cantidade expatriada entre xaneiro e setembro deste ano supera en 21.707 millóns de euros o orzamento galego de 2024 e en 21.007 millóns de euros as contas públicas de 2025. Na mesma orientación, a contía do aforro expatriado equivale a 48,9% do total do produto interior bruto (PIB) galego do ano 2023, situado en 71.365 millóns de euros.

O aforro succionado polo conglomerado bancario é superior en 2.369 millóns de euros ao diñeiro expatriado polo sistema financeiro no mesmo período de 2023. Nesa anualidade, o aforro galego situouse entre xaneiro e setembro en 79.374 millóns de euros e o crédito alcanzou 46.779 millóns. Así, as entidades bancarias con actividade na Galiza drenaron nese período 32.595 millóns de euros cara a outros territorios do Estado español e do resto do mundo. A este respecto, Madrid voltou a ser, máis unha vez, o primeiro territorio beneficiado da fuga de capitais galegos.

A expatriación do aforro non é un fenómeno novo na economía galega, pois representa un síntoma definitorio da dependencia do país. Porén, esta dinámica tense acelerado de forma moi importante nos últimos anos, marcando nas diversas anualidades novos máximos. Así, a drenaxe do aforro galego ficou no terceiro trimestre de 2022 en 30.582 millóns de euros; no mesmo período de 2021 en 26.475 millóns de euros e en setembro de 2020 en 27.502 millóns. Nestes tres últimos exercicios, Madrid recibiu de media practicamente 60% dos depósitos succionados a Galiza.

A cuestión de Abanca

O profesor da área de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Adrián Dios explica a Nós Diario que "o proceso de expatriación do aforro galego tense agravado desde a venda das caixas galegas ao grupo venezolano Banesco". Nesta liña, apunta que "o descenso do peso do crédito sobre os depósitos na Galiza responde a que o sector bancario ten raíces e funciona en base á cuestión territorial e desde que Abanca se fixo co sistema financeiro galego mudaron os criterios de investimento porque as prioridades do grupo pasaron a ser outras".

Os depósitos custodiados polos operadores financeiros con presenza no país alcanzaron ao fechamento de setembro de 2024 unha contía de 82. 602 millóns de euros. Neste caso, 77.480 millóns corresponden con aforros de persoas físicas e xurídicas e 5.122  millóns con diñeiro das diferentes administracións custodiado polas entidades de crédito. Os depósitos galegos representaron 5% do total estatal, unha contía de gran relevancia e que dá conta da capacidade da economía galega para xerar aforro.

O aforro supera en 3.228 millóns de euros o xerado no mesmo período de 2023. Asemade, representa 22 décimas porcentuais máis no conxunto estatal que entre xaneiro e setembro da pasada anualidade. Neste sentido, a totalidade dos territorios empobrecidos pola división do traballo fixada no Estado presentan un saldo negativo do aforro en relación co crédito. 

O crédito fornecido na Galiza polas entidades financeiras neste ano ficou en 47.638 millóns de euros. O seu comportamento gardou certas analoxías coa operativa do aforro, ficando moi lonxe das cifras de comezos da pasada década, cando o diñeiro prestado no país pola banca superou os 50.000 millóns de euros. Neste sentido, o crédito galego significou 3,9% do total estatal e situouse 2,8 puntos por baixo da media, ficando moi lonxe das comunidades que lideran esta variábel.

A Comunidade de Madrid e o efecto sede

Un caso paradigmático desta lóxica represéntao Madrid. A capital do Estado lidera esta variábel desde hai décadas, concentrando 29,7% da totalidade do diñeiro prestado pola banca, malia representar 14% da poboación e 26,9% dos aforros. Precisamente, esta é outra derivada do denominado “efecto sede”, que favorece a Madrid polo seu papel institucional e prexudica os outros territorios do Estado.

O reducido crédito ofrecido polo sistema financeiro na Galiza xera graves problemas de capitalización no tecido empresarial, que limita a capacidade para acometer novos investimentos e obriga, en moitos casos, a acudir a fórmulas de financiamento non exentas de perigos, como os fondos de capital risco. A situación agrávase en momentos onde a suba dos tipos de xuro e mais os problemas de solvencia da banca endurecen as condicións de financiamento para as persoas físicas e xurídicas.

A succión do aforro afecta o tecido empresarial

A succión do aforro pola operativa do sistema financeiro é unha realidade que a práctica totalidade de economistas consideran chave para explicar o subdesenvolvemento do país. Nesta dirección, téñense manifestado desde as primeiras décadas do século XX autores como Lois Peña Novo ou Alexandre Bóveda.

Un dos economistas que teñen estudado a cuestión nos últimos anos, o presidente da Comisión de Economía do Parlamento da Galiza na V Lexislatura (1997-2001), Xosé Díaz, autor de Autogoberno e sistemas de financiamento. O papel da nación galega (Laiovento, 2023), explica que a lóxica dos créditos e dos depósitos "veñen presentarnos a situación histórica que a Galiza se lle fixo xogar, drenándolle parte do seu capital, dos seus aforros, para financiar o sector empresarial e, en xeral, o desenvolvemento e o benestar do resto do Estado, nomeadamente Madrid, sede da maioría do sector financeiro operante na Galiza".

O profesor da USC Adrián Dios entende que "a drenaxe do aforro é letal para calquera economía porque deixa sen financiamento novos proxectos empresariais a pór en marcha e limita as capacidades de financiamento das empresas con actividade". Analiza "a crecente globalización do sistema financeiro, por iso é chave contar con instrumentos financeiros públicos apegados ao territorio".