Primeiros pasos para unha demanda colectiva de gandeiras galegas contra o "cártel do leite"

Vacas nunha explotación leiteira (Xunta).
photo_camera Vacas nunha explotación leiteira (Xunta).

Eskariam, unha empresa xurídica especializada en demandas colectivas con sede en Madrid, informa que puxo en marcha a reclamación masiva contra o cártel do leite na Galiza após se reunir con asociacións, cooperativas e afectadas durante os últimos meses.

Segundo este despacho de avogadas, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), sinala que aquelas afectadas por estas prácticas anticompetitivas, tanto gandeiras en activo como as que fecharan a súa explotación, poderán reclamar - sempre e cando venderan leite cru de vaca entre os anos 2000 e 2013- antes do próximo 11 de xullo de 2020, día no que vence o prazo.

“O ditame da CNMC pon de manifesto como, entre os anos 2000 e 2013, as empresas transformadoras de leite intercambiaron información, a nivel estatal e territorial, sobre prezos de compra de leite cru de vaca, volumes de compra e excedentes de leite, con consecuencias economicamente insostibles para as gandeiras, que viron como o prezo polo que vendían a súa produción era cada vez menor.”, indican nun comunicado desde Agromuralla, con quen Eskariam chegou a un acordo para facilitar ás súas 400 asociadas a posibilidade de demandar.

Galiza foi, afirman, a autonomía máis prexudicada por estas prácticas.

O presidente de Agromuralla, Roberto López, destaca que "os gandeiros e gandeiras que durante anos sufrimos os prezos baixos do leite, como consecuencia do acordo entre as empresas de recollida do leite, temos dereito a recuperar uns cartos froito do noso traballo. Trátase de cantidades importantes que nos pertencen. É unha oportunidade a custo cero que non debemos desaproveitar", polo que anima aos gandeiros "a perder o medo e reclamar".

 

Comentarios