Auxe e caída da banca galega: A quebra das caixas ten responsábeis

A situación das caixas galegas xa era crítica no momento da chegada de Núñez Feixoo á presidencia da Xunta. A xestión dos seus equipos de dirección e os fallos dos mecanismos de control público tiñan provocado unha situación delicada, semellante a doutras entidades de crédito. As decisións posteriores das autoridades galegas e españolas remataron por provocar o colapso.

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado de varios membros do Goberno galego, presidirá o acto de sinatura da Escritura de Constitución da Nova Caixa Galega.

O estoupido de 2008 deixou ao descuberto as vergoñas do sistema financeiro internacional. As caixas galegas, na liña da práctica totalidade das entidades de crédito, tíñanse embarcado nunha operativa comercial baseada na aposta polos produtos de risco, cunha elevada exposición ao mercado inmobiliario. Sen ir máis lonxe, en 2007, a construción representaba 23% e 26% da carteira industrial de Caixanova e Caixa Galiza, aumentando entre 2003 e 2007 o crédito promotor en 120% e 181 %, respectivamente.

Os directores xerais de Caixa Galiza e Caixanova, José Luís Méndez e Julio Fernández Gayoso, foron os principais culpábeis da crise particular das entidades. Un e outro dirixiron durante décadas as caixas rodeados duns equipos feitos á súa medida, unhas prácticas de xestión marcadas polo nepotismo e unhas políticas de investimento que non atendían a función social definida na propia natureza xurídica das entidades. A súa actuación final, falseando as contas, ano tras ano, co obxecto de retrasar o recoñecemento das perdas e a adopción de medidas extremadamente arriscadas comprometeu, aínda máis, o futuro das entidades.

A responsabilidade da Xunta da Galiza na desfeita das caixas galegas foi evidente. Os diferentes Gobernos galegos incumpriron o labor de fiscalización das mesmas fixadas pola lexislación galega e renunciaron a exercer a tutela pública sobre os seus equipos directivos, permitindo as prácticas de Méndez e Gayoso, auténticos amos do país durante anos, coa conivencia das responsábeis institucionais.

A negativa do Goberno galego a activar o funcionamento da comisión parlamentaria de investigación das caixas, constituída en 2012, respondeu á vontade de exculpar o Goberno de Núñez Feixoo e protexer os altos mandos das entidades. A súa actuación estaba dirixida a diluír a responsabilidade no quebranto das arcas públicas, no saqueo a miles de aforradoras e na dilapidación do patrimonio e da obra social dunhas caixas de aforro con moitos anos de historia. A Xunta da Galiza semellou asumir a doutrina asentada pola Audiencia Nacional no proceso á dirección de Caixa Nova e Caixa Galiza, “a mala xestión non é delito”.

A auditoría encargada por Núñez Feixoo a Deloitte e PWC para supervisar a situación de Caixa Galiza e Caixanova exemplificou a súa actitude durante o proceso. As empresas auditoras en ningún momento sinalaron o deterioro das súas carteiras de créditos e os investimentos excesivamente arriscados nas súas participadas, dando por boas a Xunta da Galiza unhas contas que non coincidían coas do servizo de inspección do Banco de España.

O furado económico xerado nas contas públicas pola insolvencia das caixas galegas e pola súa posterior venda ao grupo venezolano Banesco está aínda por cuantificar con exactitude. O Banco de España situou a cantidade económica achegada polo Estado á entidade galega en 9.783 millóns de euros, porén moitas economistas discuten estas cifras.

Máis de 36.000 euros

O economista Carlos Sánchez Mato, unha das persoas que estudou máis a fondo os rescates bancarios e, concretamente, o galego escribía en xaneiro de 2014 que “a entidade resultante da fusión das caixas de aforros galegas recibiu 36.925 millóns de euros de axudas públicas no proceso de salvamento. Aínda que o FROB só cita as inxección directas de capital, 9.783 millóns de euros, realizadas por esta institución e polo Fondo de Garantía de Depósitos (FAG)”.

Segundo Sánchez Mato, aos 9.783 millóns de euros achegados polo Fondo de Reordenación e Ordenación Bancaria (FROB) e polo Fondo de Garantía de Depósitos (FAG) debíanse engadir 850 millóns de garantías ofrecidas polo FROB para a privatización, 7.578 millóns de euros de avais públicos para a emisión de débeda, 3.330 millóns de euros de créditos fiscais, 1.158 millóns de euros de achegas para a adquisición de activos financeiros, 10.130 millóns de euros fornecidos en créditos polo Banco Central Europeo e 5.096 millóns de euros resultado do traspaso de activos á Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB), popularmente coñecido como o “banco malo”.

A solución pactada pola Xunta da Galiza e polo Goberno do Estado para o sistema financeiro galego amosouse como desastrosa. A privatización e posterior venda ao grupo venezolano Banesco da entidade resultante da fusión das caixas galegas significou a culminación dun espolio para a facenda pública de consideracións xigantescas e a renuncia a contar cun instrumento financeiro de carácter galego e de orientación pública, que acompañase as empresas e sectores produtivos do país.

A sociedade propietaria de Abanca, Banesco, adquiriu o banco xurdido dos cascallos de Caixa Galiza e Caixanova por 1.003 millóns de euros. Segundo sinalou o Banco de España, após resolverse a poxa en decembro de 2013, as perdas para o Estado e para o Fondo de Garantía de Depósitos eran de 8.700 millóns de euros. Os resultados da entidade en posteriores anualidades, viñeron confirmar a súa viabilidade en solitario e o carácter ruinoso para o sector público da operación.

Abanca obtivo até o feche de 2019 uns beneficios de 3.000 millóns de euros. Así, en 2014, o seu primeiro ano de actividade declarou unhas ganancias de 1.157 millóns de euros, superando o prezo da compra. Os beneficios continuaron nos anos posteriores, sumando 330 millóns de euros en 2015; un total de 333,6 millóns de euros en 2016; 367 millóns de euros en 2017; 430 millóns de euros en 2018 e 405 millóns de euros en 2019.

Comentarios