mércores 30/09/20

O coronavirus comeza a afectar á industria galega

O responsábel na Galiza do ICEX (España Exportación e Inversións), vinculado ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, asegura que algunhas empresas comezan a notar as consecuencias desta enfermidade.
Operario nunha empresa de automoción (Ceaga)
Operario nunha empresa de automoción (Ceaga)

O ICEX (España Exportación e Inversións), vinculado ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, admitiu onte que se detecta unha certa "ralentización" nas relacións comerciais entre Galiza e a China a consecuencia do coronavirus. Os sectores máis afectados na exportación, segundo este organismo, serían o téxtil e o alimentario. En relación ás importacións as principais compras da Galiza na China son de electrónica de consumo e pequenos aparatos eléctricos. Sergio Prieto, responsábel do ICEX na Galiza, confirmou esta circunstancia aos medios de comunicación nun encontro con empresarios en Vigo e fixo un chamamento á "calma" e á "prudencia" porque "aínda é cedo" para analizar o impacto do virus nesas actividades industriais.

“Non hai datos oficiais”, asegurou, mais si “impresións” que trasladan as propias empresas e as autoridades portuarias. Sen achegar moitos datos concretos, aseverou que "a nivel de exportación vemos unha caída na demanda da China, que é normal pola baixada do consumo, mais tamén unha pequena caída nas importacións de provedores, que están a parar pedidos a expensas do que poida pasar".

O representante do ICEX na Galiza lamentou que se dese esta circunstancia nun momento en que, na súa opinión, "as relacións comerciais entre Galiza e China estaban medrando". Para Sergio Prieto "é unha mágoa, porque China ten moito potencial a nivel exportador, e na Galiza comezabamos a incrementar as exportacións con ese país”, aseverou. 

No mesmo encontro, o secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galiza, Enrique Mallón, tamén recoñeceu que a crise do coronavirus "empeza a notarse" en cuestións como a acumulación de materiais ou a xestión de compoñentes de automoción, así como noutras actividades como as misións comerciais.

"Hai unha ralentización do negocio normal, e agardamos que isto se arranxe cedo porque, se non é así, habería consecuencias relevantes", incidiu. Recoñece que as medidas adoptadas polo coronavirus "están a afectar á industria galega", especialmente en ámbitos como a automoción ou a maquinaria.

ERE en Trèves

Por agora poucas son as empresas que tomaron medidas laborais diante desta situación. Unha das primeira podería ser a auxiliar da automoción Trèves que estuda a aplicación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) ao seu cadro de persoal pola falta de pezas na fabricación de compoñentes procedentes do mercado chino. A medida da empresa, provedora da factoría PSA Citröen de Vigo, afectaría a 148 traballadoras e traballadores. 

comentarios