O aumento de consumo de lácteos non redunda en beneficio do sector produtor

Fruga considera que o anuncio de baixadas de prezo e cambio das condicións dos contratos son “totalmente inxustificábeis”.

Vacas muxidura muxir granxa leite Imaxe-GEA
photo_camera Vacas muxidura muxir granxa leite Imaxe-GEA

O consumo de leite aumentou nestas semanas, indica a Federación Rural Galega (Fruga). Un incremento da demanda que “obrigou as industrias lácteas galegas a aumentar considerabelmente a súa produción, mesmo chegando a facer uso de cisternas cargada de leite procedente de diversos puntos da xeografía europea”. 

Porén, sinala a organización, algunhas industrias están aproveitando estas circunstancias para “baixar os prezos de forma encuberta, ou ben xa directamente”. Sinala Fruga Celta e Lactalis, “que están a aplicar baixadas de 0,03 euros litro na produción ecolóxica”, ou Reny Picot e Naturleite, “que lle ofrecen contratos de 3 meses os gandeiros e gandeiras”.

Falan, ademais, outras industrias “que intentan promover certo modelo de leite diferenciado ligado a promesas de aumento de prezo que non sabemos en que vai quedar”.

Fruga considera estas actitudes como “totalmente inxustificábeis”. Inciden en que no sector lácteo galego “os abusos da industria son frecuentes, en parte debido a que a administración competente, neste caso a propia Xunta, non pon a funcionar ningún tipo de órgano interprofesional que impida unhas relacións comerciais inxustas, que sempre acaban prexudicando ás explotacións gandeiras. En cambio os beneficios da industria e da distribución non sofren ningún tipo de baixada”.

Comentarios