A metalurxia carga contra López Veiga após a sentenza de Vulcano

Asime cre que a sentenza de Vulcano servirá para que algunhas institucións aprendan como se defende a actividade industrial e empresarial.
Henrique López Veiga, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo (Europa Press).
photo_camera Henrique López Veiga, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo (Europa Press).

A xestión do Porto de Vigo, co seu presidente Henrique López Veiga á fronte, non deixa indiferente a ninguén. Se a pasada quinta feira era a Audiencia Nacional de Pontevedra a que rexeitaba a impugnación solicitada polo ente portuario do expediente de liquidación do estaleiro Vulcano, onte foi a Asociación de Industriais Metalúrxicos da Galiza (Asime) a que criticou duramente a actitude do Porto de Vigo por pretender que a concesión dos terreos de Vulcano retornase á Autoridade Portuaria. "É lamentábel que tivera que ser a Audiencia Provincial a que lle ensinase a algúns representantes de institucións e organizacións cal é o camiño para defender a actividade industrial".

A través dun comunicado, a patronal do metal confía en que o auto xudicial "sirva de lección" a esas persoas e institucións, mais lamentou a "perda irreparábel de tempo". "Confiamos en que se depuren responsabilidades nos niveis respectivos e que, dunha vez por todas, algúns representantes e algunhas institucións aprendan como se defende a actividade industrial e empresarial, e teñan unha visión, como mínimo a medio prazo, do que debe ser unha cidade e unha área industrial".

Asime lembra que defendeu "desde o primeiro momento" que a unidade produtiva do estaleiro debe liquidarse como un todo, para permitir a continuidade da actividade industrial (construción e reparación naval) nesas instalacións, tamén apunta que, se logran que "se manteñan as ofertas" polas instalacións, poderase crear emprego no antigo estaleiro do barrio vigués de Teis, aínda que censurou a "falta de defensa do sector" por parte das distintas institucións.

Comentarios