Revés xudicial para o Porto de Vigo polos terreos do estaleiro Vulcano

A Audiencia de Pontevedra tomba o recurso do Porto de Vigo polo plan de liquidación de Vulcano.
Acceso principal do estaleiro factorías Vulcano (Europa Press)
Acceso principal do estaleiro factorías Vulcano (Europa Press)

Golpe da Xustiza contra as intencións do Porto de Vigo para facerse cos terreos do estaleiro Vulcano após a súa liquidación. A sección primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra  vén de desestimar o recurso de apelación interposto pola Autoridade Portuaria de Vigo, co que pretendía impugnar o plan de liquidación do estaleiro.

Segundo o auto da Audiencia, o organismo portuario presidido por Enrique López Veiga impugnou a aprobación do devandito plan de liquidación, ditada polo xulgado mercantil 3 de Pontevedra o pasado 20 de novembro, por non estar de acordo coa inclusión da concesión do espazo nese plan.

O argumento da Autoridade Portuaria para esa petición era que, ao disolverse a empresa, a concesión administrativa do espazo quedaba resolta e debía, por tanto, volver ao Porto. Deste xeito, o espazo podería destinarse a outros usos, como a ampliación da plataforma para tráfico de mercadorías. 

Pola súa banda, a administración concursal do estaleiro defendía que dita concesión debe incluírse na unidade produtiva para o seu alleamento xa que, pola contra, "reduciríase notabelmente o valor das instalacións".

A resolución da Audiencia

No seu auto, a Audiencia considera, por unha banda, que a concesión non pode ter consideración de contrato privado, como pretende o Porto e, por outro, lembra que a Lei Concursal ten como unha das súas "ideas centrais" favorecer a continuidade da actividade empresarial e produtiva, e estabelece a "preferencia" polo alleamento "como un todo da explotación ou unidade produtiva".

A Autoridade Portuaria de Vigo eludiu pronunciarse sobre o auto, e lembrou a encarga dun informe ao Consello de Estado sobre a situación da concesión.

Comentarios