mércores 08/12/21

Aprobado o decreto para reducir a factura eléctrica

O recibo baixará de media 10% e o Estado español deixará de ingresar 1.257 millóns durante a vixencia das reducións.
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros extraordinario (Foto: M.Fernández / Europa Press).
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros extraordinario (Foto: M.Fernández / Europa Press).

O Consello de Ministros, reunido con carácter extraordinario, aprobou esta quinta feira pola vía da urxencia o real decreto lei que permite reducir os impostos que gravan a factura da luz. Así, até finais do ano, o IVE da electricidade pasará do 21% ao 10%, ao que hai que engadir a suspensión do imposto do 7% á xeración eléctrica durante tres meses co obxectivo de conter o impacto dos altos prezos da enerxía no mercado e "aliviar a situación das familias e do tecido produtivo".

Con esta redución da fiscalidade da electricidade, o Goberno español estima que se conseguirá abaratar 10% a factura da luz das persoas consumidoras e calculou uns aforros totais de 1.257 millóns de euros, cartos que as arcas públicas deixarán de ingresar por estes tributos.

Desde o Executivo estatal recoñecen que hai circunstancias que "exceden a capacidade do Goberno español", como o comportamento do mercado eléctrico e o aumento nos prezos do gas natural, que levaron a "un incremento moi notábel do prezo de CO2, "moito máis alá das previsións".

No caso concreto do IVE, aplicarase unha baixada a 10% até fin de ano para todas as persoas consumidoras con potencia contratada inferior a 10 quilowatts (kW), sempre que o prezo medio mensual do mercado almacenista estea por riba dos 45 euros por megawatt hora (MWh).

A decisión de rebaixar o IVE da luz, que se remitirá a Bruxelas "para que non haxa ningún problema", manterase até finais deste ano e, posteriormente, será revisado para decidir se é necesaria a súa continuidade.

No que se refire á suspensión do 7% do imposto sobre xeración, que xa en 2018 fora paralizado durante seis meses para conter outra onda alcista no prezo da luz, terá vixencia no terceiro trimestre do ano.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Adicionalmente, o Goberno español anunciou no día de onte unha liña 100 millóns de euros de axuda para o sector electrointensivo.

Aprobado o decreto para reducir a factura eléctrica
comentarios