Alcoa chega ao límite e pide unha reacción

O futuro das empresas electrointensivas galegas decídese estes días nos despachos de Madrid. O resultado da poxa eléctrica deixou o sector sen moita marxe de defensa. A multinacional Alcoa foi a primeira en sinalar que a situación é limite e agora reacciona tamén o sector a través da Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (AEGE). As críticas máis duras veñen do comité de empresa, que olla como pasan os días e como as decisións que poidan salvar a factoría non chegan.    
Manifestación en Viveiro a prol dunha solución en Alcoa (CIG)
photo_camera Manifestación en Viveiro a prol dunha solución en Alcoa (CIG)

O comunicado de Alcoa afirmando que o resultado da poxa eléctrica para as industrias electrointensivas facía "inviábel" a produción de aluminio primario na Galiza, non por agardado deixou de causar fortes reaccións a todos os niveis. A multinacional confirma a Sermos Galiza que aínda non tomou ningunha decisión e está a espera de novos movementos por parte do Goberno.   

A fábrica de Alcoa en San Cibrao chega cos números en negativo a esta poxa. As mesmas fontes da empresa aseguran que perdera 48 millóns de euros en 2018 e a estimación para o 2019 é que perda entre 50 e 60 millóns de euros. Estas cifras serían aínda máis grandes a partir do 1 de xaneiro cando a enerxía sexa máis cara. "O custo da enerxía eléctrica é agora mesmo 40% do total de custos de produción, incluído materias primas e  emprego", sinalan a Sermos Galiza "e temos un custo eléctrico de 40% superior ao que teñen os nosos competidores de Alemaña e Francia". Critican que non se reaccione sendo eses países tamén da UE "coas mesmas regras que aquí". Non é ningún segredo que a condición enerxética sempre condicionou a esta industria. Desde Alcoa recoñecen que a localización das fábricas "vai parella ao lugar onde teñan o subministro asegurado mais tamén onde teñan uns custes que lles permitan ser competitivos". 

Reacción do sector

 

A Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (AEGE), entidade que reúne as maiores compañías do sector, reaccionou após saberse os resultados da poxa. A súa actitude é de preocupación e inquietude que expresan a través dun comunicado no que sinalan que "o principal mecanismo que existía para reducir o diferencial de prezo eléctrico coa nosos principais competidores europeos está en mínimos". Explican que "as industrias tiñan todo organizado para dar o servizo de interrompibilidade en 2020 e os orzamentos de produción e venda pechados, polo que esta redución na retribución do servizo suporá un enorme prexuízo" e non descartan que “podería provocar o vindeiro ano novas e serias tensións nalgunhas plantas".

AEGE pide a aprobación "canto antes" do "desexado" Estatuto de Consumidores Electrointensivos

A asociación pide a aprobación "canto antes" do "desexado" Estatuto de Consumidores Electrointensivos con medidas e dotación orzamentaria abondo para reducir o diferencial de prezo eléctrico cos competidores de Francia e Alemaña. A asociación ve necesaria a colaboración co Goberno, "co apoio de todos os partidos políticos", para atopar solucións a curto prazo que fagan máis competitiva esta industria no Estado. 

Críticas á ministra

 

A análise que fan desde o comité de empresa do resultado tampouco é moi optimista. O seu presidente, José Antonio Zan, explica a Sermos Galiza que "Galiza levou 440 Mw e supoñemos que grande parte deles virán para San Cibrao”. Mais o problema de viabilidade da empresa “será o prezo do Mw após caer máis de 90%".

Unha vez feito público o resultado da poxa o comité de empresa pediu adiantar a reunión a reunión prevista para o 15 de xaneiro após o compromiso da propia ministra que visitou a planta de San Cibrao no pasado mes de marzo. Zan desconfía da falta de resposta por parte do Ministerio. "Igual queren deixar caer a industria electrointensiva de todo o Estado e así baixar o consumo eléctrico para poder pechar centrais térmicas, reducir CO2 e poñerse a medalla diante de Europa de que somo os que menos emitimos". A principal diana das críticas do representante do cadro de persoal de Alcoa en San Cibrao é a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera. "Os intereses están claros, a ministra é quen ten o orzamento total da industria española, a que tramita a interrompibilidade e leva a cabo as axudas o CO2”, denuncia Zan, "é ecoloxista e non cre na industria para nada".  

Igual queren deixar caer a industria electrointensiva de todo o Estado e así baixar o consumo eléctrico para poder pechar centrais térmicas

O comité de empresa non entende a estratexia do ministerio, que "pon problemas para a industria electrointensiva de aquí e logo merca electricidade a Marrocos, que contamina dez veces máis ca nós", explica Zan. Por este motivo cre que o propio presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, ten que poñerse contacto coa empresa "para solucionar o problema que creou cando puxo a esta ministra en Transición Ecolóxica". 

Reaccións das institucións galegas 

 

A Xunta, a través do conselleiro de Industria, Francisco Conde, cre que a situación que vive Alcoa é culpa da "desidia" do Goberno español, que "pon nunha situación de inviabilidade" as empresas electrointensivas. 

Desde a Deputación de Lugo o seu presidente, o socialista José Tomé, e a vicepresidenta, a nacionalista Maite Ferreiro, manifestaron o seu apoio ao persoal da fábrica. Tomé critica da Xunta que "cada ano quedan entre 30 e 40 millóns de euros que non se executan por parte do Igape de axudas ás industrias galegas". Polo seu lado, Maite Ferreiro asegura que "estes días  coa cantidade de auga que cae aumentan os beneficios das eléctricas, mais iso non repercutirá na redución do gasto".

Comentarios