A poxa deixa Alcoa con 90% menos de ingresos e sitúa a planta de San Cibrao a un paso do feche

A compañía notifica que os ingresos por ininterrompibilidade após a poxa fai "inviábel" a continuidade da factoría da Mariña.
Operarios de Alcoa na planta de Cervo. (Europa Press)
photo_camera Operarios de Alcoa na planta de Cervo. (Europa Press)

O resultado do proceso de poxa eléctrica para as industrias electrintensivas rematou cun resultado agardado. A redución de 60% na poxa da potencia de servizos de interrompibilidade para consumidores industriais de enerxía no primeiro semestre de 2020 provocou unha caída do 90% nos ingresos de Alcoa por interrompibilidade, polo que fai "inviábel" para a multinacional a produción de aluminio primario en Galiza.

A compañía notificouno nun comunicado, após a validación formal do resultado da poxa por parte da Comisión Nacional de Mercados e a Competencia (CNMC), que se saldou coa adxudicación dos 1.000 megawatios (Mw) que había en xogo para os grandes consumidores de electricidade por un importe total de 4,38 millóns de euros. A diferenza co prezo medio de asignación sufrira un recorte de 90% fronte á última poxa realizada.

Alcoa participara nesta poxa co obxectivo de obter o maior valor posíbel dos servizos de interrompibilidade

Alcoa participara nesta poxa co obxectivo de obter o maior valor posíbel dos servizos de interrompibilidade para a súa planta de aluminio de San Cibrao, único produtor de aluminio primario no Estado na actualidade.

Para a multinacional, esta redución no valor obtido na poxa "empeora a situación da planta de aluminio de San Cibrao e terá un impacto inmediato nos seus custos de enerxía a partir do vindeiro 1 de xaneiro.

A compañía afirma que estes custos de enerxía "agudizan aínda máis" a posición non competitiva respecto a outros países da Unión Europea. Alcoa opina que outros países "estabeleceron marcos enerxéticos estábeis para que esta industria teña un custe enerxético predicíbel e competitivo". 

A multinacional explica no comunicado que o prezo da electricidade nesta planta de aluminio variou. Durante o primeiro semestre do 2020 será de 58,6 euros o Mw, fronte a 54,3 euros que tiña en 2019.

Comentarios