A Airef propón unha reforma do sistema fiscal estatal

O BNG reclama un novo financiamento para Galiza.

Xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira na sede do Ministerio, o 11 de decembro de 2023. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
Xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira na sede do Ministerio, o 11 de decembro de 2023. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) reclamou esta segunda feira unha reforma do marco fiscal estatal dirixida a "preservar a estabilidade orzamentaria e a sustentabilidade das contas públicas".

O organismo de control financeiro propón estas mudanzas no contexto dos cambios normativos introducidos a nivel comunitario en 2024, que inclúen a modificación da directiva que regula os marcos fiscais estatais. Urxe a aplicar "unha reforma integral do marco fiscal" para superar "as debilidades constatadas desde a súa aplicación" dado que o actual marco é "pouco coherente, sólido e eficaz".

A proposta da Airef representa unha nova volta de porca na orientación neoliberal das políticas fiscais. Neste sentido, xustifica a súa proposta "nas debilidades pola existencia de múltiples regras de cumprimento simultáneo", como a regra de gasto, a regra de déficit e a regra de débeda, e advirte de que "os obxectivos de estabilidade orzamentaria fíxanse sen ter en conta a regra de gasto nin a situación de partida de cada administración".

Precisamente, a regra de gasto, a regra de déficit e a regra de débeda derívanse da lexislación comunitaria, sendo xa, na actualidade tres dos eixos básicos das políticas neoliberais impostas desde Bruxelas.

As medidas suxeridas pola Airef propoñen "revisar o sistema de regras fiscais numéricas situando a regra de gasto harmonizada coa europea no centro da supervisión", na perspectiva dun plan de recortes para cumprir co disposto no Pacto de Estabilidade e Crecemento (PEC), unha das trabes básicas do proxecto comunitario, suspendido temporalmente entre 2020 e 2024 como consecuencia da pandemia, e que obriga aos Estados da Unión Europea a manter a débeda pública por baixo de 60% do produto interior bruto (PIB) e o déficit nunha cifra inferior a 3% do PIB.

BNG

A alternativa da Airef coñeceuse o mesmo día en que o voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, avanzou unha iniciativa "para reclamar un sistema de financiamento xusto para Galiza fronte ao actual, inxusto e obsoleto, aprobado polo Partido Popular". Neste sentido, cualificou o modelo actual de "profundamente lesivo para Galiza".

Comentarios