O aforro galego drenado pola banca en 2025 supera os 38.000 millóns de euros
As entidades bancarias con actividade na Galiza expatriaron 38.973 millóns en 2025. As cifras que vén de publicar o Boletín Estatístico do Banco de España sinalan que a drenaxe do aforro galego marcou máximos históricos no pasado exercicio. A contía supera en 2.859 millóns a cifra de 2024.
As entidades de crédito con presenza na Galiza expatriaron 38.973 millóns de euros no cuarto trimestre de 2025. Segundo as cifras achegadas este mes polo Boletín Estatístico do Banco de España, a succión do aforro galego situouse en máximos históricos a 31 de decembro, rematando coa contía máis elevada de toda a serie rexistrada polas estatísticas estatais. A este respecto, os números presentados polo regulador bancario certifican a aceleración do proceso de drenaxe do aforro galego comezado hai unha década.
O aforro expatriado polo conglomerado bancario é resultado da diferenza entre os depósitos obtidos na Galiza -os aforros de cada galego e galega depositados nos bancos- e os créditos outorgados por eses mesmos bancos fóra da Galiza, evitando así que o aforro depositado no país redunde en investimentos no territorio galego. Neste sentido, non é un fenómeno novo na economía galega, pois representa un síntoma definitorio da dependencia do país, tal é como levan analizando ducias de economistas galegos desde finais do século XIX.
Os datos do Banco de España indican que os depósitos custodiados polos operadores financeiros con actividade na Galiza alcanzaron ao remate de decembro de 2025 a cantidade de 88.437 millóns de euros, dos cales dos cales 83.308 corresponden con aforros de persoas físicas e xurídicas e 5.128 con diñeiro das diferentes administracións custodiado polas entidades de crédito. Os depósitos galegos representaron 5,1% do total estatal, unha contía de gran relevancia e que dá conta da capacidade para xerar aforro da economía galega.
As cifras do regulador estatal desvelan que o nivel de aforro na Galiza continúa por riba da media estatal. A este respecto, un informe elaborado pola Unión de Créditos Inmobiliarios, tomando como base os datos do Instituto Nacional Estatística (INE), sinala que a poboación galega destinou en 2025 ao aforro 15,2% dos seus ingresos, o que representa seis décimas porcentuais máis que a media estatal. Porén, o relatorio detecta unha importante caída da capacidade de aforro en relación co exercicio de 2024, cando alcanzou 16,3% dos ingresos, e con 2023, cando chegou a 18,3% dos ingresos.
O relatorio da Unión de Créditos Inmobiliarios explica esta diminución do nivel de aforro real na Galiza polo incremento dos gastos esenciais das familias. A isto ten contribuído, de forma importante a alza do prezo dos alugueres, que en 2025 subiron de media 7,7% e desde 2015 encareceron 64,1%, ou dos alimentos básicos, como a carne de vacún, cuxo prezo medrou no pasado exercicio 25,7% e na última década 54,7%. A este respecto, a suba da inflación, derivada da guerra en Oriente Medio iniciada tras a agresión dos Estados Unidos e Israel contra o Irán, avanza un maior descenso da capacidade de aforro.
As entidades financeiras achegaron na Galiza no cuarto trimestre de 2025 crédito por unha contía de 49.464 millóns de euros. Neste caso, 42.490 millóns foron fornecidos a persoas físicas e xurídicas e 6.974 millóns a diferentes administracións, representando no seu conxunto 3,9% do total estatal. Nesta dirección, o comportamento do crédito gardou certas analoxías coa operativa da última década, ficando moi lonxe dos niveis dos primeiros anos do século, cando o boom inmobiliario provocou unha entrada moi importante de fondos procedentes das economías dos Estados centrais da Unión Europea (UE).
A débeda pública
As cifras achegadas polo regulador estatal revelan como o crédito ao sector público tense convertido nunha das principais vías de negocio para o conglomerado bancario. Nesta dinámica, destaca o Goberno galego, que ten formalizada 84,3% da súa débeda con acredores privados, como resultado dunha decisión política do Executivo do PP que primou o seu endebedamento co sistema financeiro. Nesta dirección, as entidades de crédito convertéronse no principal beneficiado das necesidades de financiamento da Galiza, que impuxeron aos respectivos Gobernos unhas taxas de xuro moito máis elevadas que as diversas liñas de crédito aprobadas polo Estado.
O impacto
A cantidade do aforro drenado polos operadores financeiros é relevante atendendo ás magnitudes nas que se move a economía galega. A contía expatriada entre xaneiro e decembro de 2025 equivale a 47,6% do produto interior bruto (PIB) galego dese ano (situado en 81.840 millóns de euros) e supera en 25.019 millóns o orzamento galego de 2025 (orzado en 13.954 millóns de euros) e tamén supera en 24.734 millóns o orzamento galego de 2026 (14.239 millóns de euros). Na mesma dirección, é maior que as partidas destinadas pola Xunta da Galiza no actual exercicio ao investimento social, que ascende a 10.587 millóns de euros, dos cales 5.671 millóns están destinados á sanidade, 3.090 millóns a educación e 845 millóns ao servizo de dependencia.
A succión do aforro complica ás empresas o acceso a crédito
O sistema financeiro con actividade na Galiza expatriou 297.155 millóns de euros entre 2015 e 2025. A este respecto, a maioría de economistas explican que a succión do aforro pola operativa bancaria xera un problema de capitalización no tecido económico do país ao implicar unha maior dificultade de capacidade de crédito por parte das empresas galegas, como se evidencia nas operacións concertadas por algúns grupos económicos tras a saída do seu capital das caixas galegas. Neste sentido, non é casual o recurso a fórmulas de financiamento non exentas de perigos, como son os fondos de capital risco.
A presenza do capital risco e dos fondos de investimento pódese seguir en practicamente a totalidade dos sectores económicos da Galiza. Ao tempo, o profesor da área de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela Adrián Dios advirte a Nós Diario advirte das "consecuencias negativas" para o sector empresarial desta dinámica de expatriación de depósitos e destaca a aceleración da fuga de capitais após a desaparición das caixas galegas e da súa bancarización Neste punto, conclúe que "na Galiza hai capital pero mándase a outros países en vez de investilo aquí".
