O aeroporto de Santiago bate a súa marca histórica de pasaxeiros mentres A Coruña e Vigo empeoran os rexistros prepandemia

A falta dun mes para o remate do ano, en novembro o aeródromo da capital galega superou os tres millóns de visitantes.
Pasaxeiros no aeródromo santiagués. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pasaxeiros no aeródromo santiagués. (Foto: Europa Press)

O Aeroporto de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro alcanzou este mes de novembro a súa marca histórica de pasaxeiros e pasaxeiras, superando, a falta dun mes para que remate o presente ano, os tres millóns de persoas usuarias. En concreto, segundo as estatísticas feitas públicas por Aena esta segunda feira, entre xaneiro e novembro o aeródromo acolleu un total de 3.002.600 pasaxeiros, o que supón 11,4% máis que no mesmo período de 2019. Deste modo, bateuse a marca histórica de pasaxeiros que se rexistrara ao remate de 2019.

Do total de viaxeiros rexistrados no que vai de ano, 2.990.766 corresponderon a pasaxeiros comerciais, dos que 2.287.612 viaxaron en voos a nivel estatal, 11,7% máis que no mesmo período de 2019. Así mesmo, houbo 703.154 pasaxeiros internacionais, 12,4% máis que no mesmo período de 2019.

A respecto das operacións, no aeroporto compostelán rexistráronse no que vai de ano 23.633 voos —un incremento de 13,6%—. Destes, 21.705 foron voos comerciais, correspondendo 16.201 a voos estatais e 5.504 a internacionais. Aliás, a terminal de carga manexou durante estes once meses máis de 4.356 toneladas de mercadorías, 49,1% máis que nos mesmos meses de 2019.

Por outra parte, no que atinxe concretamente ao mes de novembro, pasaron polo aeródromo Rosalía de Castro case 212.000 pasaxeiros, o que se traduce en 5,4% máis que no ultimo novembro prepandemia, o de 2019.

Baixan A Coruña e Vigo

Pola contra, tanto o aeroporto da Coruña como o de Vigo experimentaron un descenso de pasaxeiros na cifra acumulada entre xaneiro e novembro, en comparación con 2019.

En concreto, até novembro, o aeroporto de Alvedro acolleu 870.040 pasaxeiros, 30,4% menos que os datos dos once primeiros meses de 2019. No caso de Vigo, o descenso con respecto ás cifras prepandemia foi de 8,2%, até os 866.881 pasaxeiros. En canto ás operacións, as acumuladas na Coruña foron 16,6% menos, até 13.279; e as de Vigo alcanzaron as 12.669, o que supón 18,1% máis que hai tres anos.

Se se teñen en conta só os datos do mes de novembro, con todo, o aeroporto da Coruña caeu 13% en cifra de pasaxeiros, até os 92.225. O aeroporto de Vigo, pola súa parte, experimentou o pasado mes un incremento de pasaxeiros, a respecto de 2019, de 16,5%, até os 83.369.

Comentarios