O aeroporto de Compostela consolida a súa hexemonía na Galiza após a pandemia

A terminal compostelá recuperou en abril o tráfico previo á irrupción da Covid-19 e mesmo obtivo 15% máis viaxeiros que no mesmo mes de 2019.
Aeroporto de Compostela.
photo_camera Aeroporto de Compostela. (Foto: Europa Press)

O panorama aeroportuario galego mudou nos últimos meses. Antes da irrupción da pandemia da Covid, os tres aeroportos galegos volvían remontar o voo, co de Compostela marcando un novo máximo histórico ─ con 2.903.427 pasaxeiros transportados─  e o da A Coruña, con 1.352.583 persoas usuarias, rozando o seu. Porén, o de Vigo foi o único que fechou 2019 cun descenso de pasaxe, logrando, iso si, fechar por riba do millón de persoas transportadas (1.012.447).

En total, segundo os datos de Aena, as tres terminais galegas moveron 5.268.000 usuarias en conxunto ese ano.

Coa chegada da Covid, a situación mudou drasticamente. Os aeroportos de Alvedro, na Coruña, e Peinador, en Vigo, mantiveron certa actividade nos meses máis duros da pandemia en 2020, aínda que practicamente anecdótica e lonxe dos valores que adoitaban manexar. 

As tres terminais fecharon ese ano cun descenso de 70% na pasaxe e 1,67 viaxeiros transportados en conxunto, unha cifra que en 2021, un ano aínda con bastantes restricións á mobilidade, até os 2,79 millóns.

De novo en positivo

O pasado ano, a terminal compostelá do Rosalía de Castro xa movía 60% máis pasaxe que as outras dúas terminais xuntas, unha realidade que se vén consolidando tamén nos primeiros meses de 2022. 

De feito, entre xaneiro e abril, os aeroportos galegos moveron 1.212.757 persoas, con Santiago á cabeza e moi perto xa de recuperar o tráfico previo á Covid (-7,2%). A tendencia vai a alza, e abril, do que se coñeceron onte os datos, xa fechou por riba das cifras de 2019, con 292.643 viaxeiros transportados (+15,5%)

Non sucede o mesmo nas terminais de Alvedro e Peinador, aínda con cifras moi por baixo dos valores de 2019 en pasaxe (-39,6% e -30,6%, respectivamente). Entre os dous aeroportos representan pouco máis da terceira parte das usuarias do sistema aeroportuario galego, no que o Rosalía de Castro consolídase como o grande aeroporto da Galiza, con 61,8% do total.

A explicación a estes datos está en que o aeroporto de Compostela empezou a exercer, após a Covid, como central do país, captando novas compañías e destinos que o elixen como primeira opción. É o caso de firmas internacionais como Transavia, que comezou a operar a París hai tan só uns meses, ou Aer Lingus, que cada ano aposta por conectar a capital galega coa súa homóloga irlandesa, Dublín.

En total, na terminal compostelá operan 9 compañías, polas 6 que operan tanto en Alvedro como en Peinador, mais a principal diferenza está no número de destinos. Así as cousas, o Rosalía de Castro conta con 18 conexións internacionais, mentres que Vigo non ten ningunha e A Coruña só dúas, que a conectan con Londres e París.

Falla de coordinación

A recuperación volveuse facer sen unha planificación conxunta, cada aeroporto pola súa conta. A última reunión do comité de coordinación, no que participan Aena, a Xunta e os concellos da Coruña, Compostela e Vigo, foi hai xa un ano e dela non saíu ningún tipo de acordo.

O resultado desta falta de visión conxunta do sistema é que destinos como Madrid, Barcelona, Bilbao ou Valencia están repetidos nas tres terminais, algún deles operado con máis dunha compañía, o mesmo que sucede cos destinos internacionais da Coruña, aos que se pode acceder con máis oferta e mellores prezos desde a terminal 

Comentarios