luns 26/07/21

Abanca fecha a compra da rede española de portugués Novo Banco, a súa sexta adquisición en 7 anos

A entidade que preside Escotet supera os 100.000 millóns de volume de negocio.

Sede de Novo Banco en Lisboa (Foto: Novo Banco).
Sede de Novo Banco en Lisboa (Foto: Novo Banco).

Abanca fechou a compravenda do negocio do banco portugués  Novo Banco no Estado español, operación coa que alcanza os 100.000 millóns de euros de volume de negocio e que lle permitirá reforzar o seu posicionamento no negocio de banca persoal e privada e no negocio de empresas, ademais de aumentar a súa presenza no Estado, fundamentalmente en Madrid.

Segundo informou a entidade, a compra presenta un baixo risco de execución e mínimo consumo de capital. Tras a operación, Abanca terá un volume de activos de 71.338 millóns de euros e xestionará 42.368 millóns de crédito á clientela, 46.037 millóns de depósitos e 11.789 millóns en pasivo fóra de balance. Contará con 6.312 empregados e 745 oficinas.

Novo Banco no Estado español achega un volume de negocio de 4.287 millóns. Dispón de 10 oficinas situadas en contornas urbanas con especialidade en banca persoal, privada, de empresas, corporativa e institucional. Conta cun persoal formado por 172 empregados e unha rede de 102 axentes financeiros especializados.

A operación está suxeita á obtención das autorizacións  regulatorias correspondentes.

Sexta operación corporativa desde 2014

Abanca probou con éxito o seu modelo de integración doutras entidades nas operacións corporativas que realizou nos últimos anos.

A primeira foi a integración en 2014 do Banco  Etcheverría; en 2017 realizouse a compra de Popular Servizos Financeiros; en 2018, Abanca adquiriu  Deutsche  Bank  PCB, e tamén en 2018 comprou a  Caixa  Geral de Depósitos o seu banco no Estado español, Banco  Caixa  Geral. En 2020, produciuse a compra de  Bankoa, cuxo proceso de integración finalizará durante os cuarto trimestres de 2021.

comentarios