A Xunta permitirá deducir 500 euros do IRPF aos propietarios que poñan unha vivenda baleira en aluguer

Un dos requisitos será que o prezo mensual da propiedade, incluídos os seus anexos, non supere os 700 euros.
As cidades galegas suman un número importante de vivendas baleiras. (Foto: Nós Diario)
As cidades galegas suman un número importante de vivendas baleiras. (Foto: Nós Diario)

Os propietarios ou usufrutuarios de vivendas baleiras da Galiza poderán deducir 500 euros por vivenda no apartado do IRPF. O importe da dedución prorratearase en función da porcentaxe de participación no inmóbel e un dos requisitos será que o prezo mensual da propiedade, incluídos os seus anexos, non supere os 700 euros.

Isto será posíbel mediante unha modificación que os populares rexistraron nos artigos da Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña á Lei de Orzamentos para 2025.

O propio presidente galego, Alfonso Rueda, avanzou este sábado este paso no seu perfil na rede social 'X', aínda que en comparecencia de prensa no hemiciclo deu máis detalles o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, xunto co concelleiro de Facenda, Miguel Corgos, e a súa homóloga responsábel de Vivenda na Xunta, María Martínez Allegue.

Pola súa banda, Rueda asegurou que é consciente de que o problema de acceso á vivenda afecta aos cidadáns e son "moitos" os galegos que teñen "dificultades" con el, polo que asume esta cuestión como unha das súas  "máximas" "preocupacións. 

Neste sentido, lembrou a aposta da Xunta por duplicar o parque público de vivendas, para que pase das 4.000 actuais ás 8.000. "Para que iso suceda hai que dar pasos e canto antes, xa se están construíndo moitas vivendas", argumentou, pero apuntou que, para "ir máis rápido", tamén se farán deducións na parte autonómica do imposto da renda, tal e como se plasma nas emendas rexistradas no Parlamento.

De feito, Rueda indicou que tamén haberá deducións para aqueles que necesiten rehabilitar unha vivenda antes de poñela en aluguer. Segundo os seus cálculos, está previsto que esta medida poña a disposición "non menos de 1.000 vivendas de aluguer en 2025".

Comentarios