A solución da Xunta á crise de vivenda: pisos compartidos até os 36 anos
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o seu homólogo de Cultura, Lingua e Xuventude presentaron esta terza feira unha iniciativa para atallar “o problema da vivenda”: a construción de 70 pisos de aloxamento compartido temporal destinadas a persoas menores de 36 anos.
Cada vez é máis complexo atopar vivendas de aluguer. Un problema non só para o estudantado de Formación Profesional ou universitario, nin é tampouco unha situación que afecte exclusivamente a mocidade. Cos prezos do aluguer á alza, unha suba do IPC que non vai acompañada de aumentos salariais e a proliferación sen couto das vivendas de uso turístico, atopar onde vivir a un prezo non prohibitivo tornou nunha tarefa practicamente imposíbel.
Coa intención de solucionar “esa necesidade de emancipación” que “agora hai”, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciaron esta terza feira o proxecto para construír 70 vivendas de aloxamento compartido temporal, de 30 metros cadrados, destinadas a menores de 36 anos nunha parcela situada na avenida Xoán XIII da capital galega, un predio do que dispón o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
Esta parcela xa foi albo de políticas de vivenda doutros Executivos galegos. No caso do Goberno bipartito, tratábase dun proxecto para a construción de vivendas públicas e protexidas de alugueiro, tamén para a mocidade, pero sen a modalidade de aloxamento compartido.
Máis tarde, o Goberno de Alberto Núñez Feixoo, a través do IGVS mostrou a súa intención de construír vivenda libre de luxo, nese mesmo predio da avenida Xoán XIII que a consellaría de Teresa Táboas quería destinar a vivenda de protección pública.
Cuestionada pola promoción de vivendas en aluguer para a mocidade que a Xunta da Galiza promovera nesta parcela, e que foi descartada polo Goberno de Feixoo hai 10 anos, Martínez Allegue afirmou que había un proxecto “de pisos” e non nesta modalidade “de aloxamento compartido”, e, que naquel momento, asegurou que “se desbotou pola situación na que se estaba”. “Agora, a aposta que fai a Xunta con ese incremento orzamentario, con ese triplicar os orzamentos para a construción de vivenda pública, permítenos alcanzar estas vivendas”, concluíu a conselleira.
Nesta liña, López Campos defendeu que esta é “unha vía alternativa”, a dos aloxamentos compartidos, que permite facer “vivendas de 30 metros cadrados con espazos compartidos”, o que, engadiu, “permite facer o dobre de vivendas”.
