A Xunta recúa e di agora que a súa oferta para o naval era ou Pemex ou dique flotante

A Xunta afirma agora, tras a desfeita do dique flotante para Ferrol, que o seu compromiso co naval era ou ben esta infrestrutura ou ben os floteis de Pemex. Nunca, logo, ambas as dúas

O goberno galego di agora que nunca dixo o que dicía hai tres meses, en plena campaña electoral do 21-O. Daquela, o libriño de campaña dos populares para os comicios comprometía para este sector tanto os contratos con Pemex para construír 2 floteis como o dique flotante que levaban meses demandando desde Ferrolterra. Eran, aseveraba Feijóo, os dos piares sobre os que o naval volvería rexurdir e a crear milleiros de empregos.

Cómpre lembrar que a construción do dique flotante foi un dos comprimisos adquiridos por Núñez Feijóo durante esa campaña electoral. O daquela candidato á re-elección aseguraba que esta encomenda xeraría centos de postos de traballo e que suporía unha solución para o sector naval galego. Daquela, non había no discurso do presidente sombra algunha de que o dique flotante podería non facerse. 

Carga de traballo

Mais agora, e após que a SEPI comunicase esta mesma semana que non ía haber dique flotante, o PP di que o que formulaba para Navantia era "ou carga de traballo ou dique". Con ese discurso como base, afirma o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que non haxa dique non é unha responsabilidade ou incumprimento da Xunta ou goberno central. Porque, prosegue, hai "carga de traballo". E que carga de traballo? Pois a que viría de Pemex, di o conselleiro, alegando que o compromiso coa multinacional mexicana xa está practicamente feito. A realidade, porén, é outra: Pemex decidirá entre ofertas de estaleiros de varios países.

Comentarios